Monforte comeza coa limpeza da ponte Medieval
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que a brigada municipal de parques e xardíns do Concello vai proceder no día de hoxe, 15 de xuño, a acometer os traballos de limpeza da vexetación superficial que se foi acumulando nestes últimos meses na ponte Medieval. En concreto, as tarefas van consistir no corte da maleza e limpeza das herbas, co obxectivo de resaltar a beleza do monumento.
Para a realización destes traballos, que se prolongarán durante toda a mañá, vai ser necesario empregar un guindastre. Por este motivo, os vehículos e os peóns non van poder pasar sobre a ponte e a policía local manterá cortado o acceso toda a mañá, concretamente dende as 7:30 horas e a partir das 8 horas darán comezo os mencionados traballos de limpeza.
O alcalde salienta que “a limpeza e o axeitado mantemento deste Ben de Interese Cultural é unha das actuacións que este goberno municipal contemplou dende que iniciamos o noso mandato. A ponte Medieval é un monumento que forma parte da imaxe da nosa cidade e por iso debemos mantela nas mellores condicións, co obxectivo de que no futuro sexa peonil para o disfrute dos monfortinos e turistas que nos visitan”.
Neste senso, o mandatario municipal subliñou que “cando a nova ponte do Malecón sobre o río Cabe sexa unha realidade no horizonte de este mandato, a ponte Vella, pasará a ser peonil, para conservar o monumento, para o disfrute da xente e para contemplar placidamente a paisaxe río arriba e río abaixo sen o agobio dos coches.”