Monforte clausurou a 19ª edición do Campus de Fútbol en colaboración co R.C. Celta de Vigo

RibeiraSacraXa
Nesta edición, ofertáronse 100 prazas, distribuídas en seis grupos de traballo
campus-futbol-celta-monforte
4 Aug 2025

O pasado 1 de agosto tivo lugar o acto de clausura do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – R.C. Celta de Vigo, que se celebrou no campo municipal Luis Bodegas. No acto participaron a tenente de alcalde, Gloria Prada, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, quen fixeron entrega de diplomas e agasallos aos rapaces e rapazas participantes.

Esta actividade deportiva, xa consolidada no calendario estival do Concello de Monforte, está dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos. Nesta edición, ofertáronse 100 prazas, distribuídas en seis grupos de traballo. O campus desenvolveuse do 28 de xullo ao 1 de agosto, cun enfoque centrado tanto na práctica deportiva como na conciliación familiar durante o período de vacacións escolares.

O Campus de Fútbol forma parte da programación de verán promovida polo Concello, que inclúe tamén campamentos e cursos de tenis, sumando no total máis de 500 prazas dirixidas á mocidade empadroada no municipio.

⚙ Configurar cookies
0.2256019115448