Monforte clausura os obradoiros educativos sobre igualdade e prevención da violencia de xénero

Este mércores finalizaron en Monforte de Lemos os obradoiros educativos organizados pola Concellería de Muller e Igualdade a través do CIM, dirixidos ao alumnado de Educación Primaria e Secundaria co obxectivo de fomentar a concienciación sobre a igualdade de xénero.
En Secundaria, as actividades centraronse no alumnado de 4º da ESO, traballando sobre experiencias, presións e estereotipos de xénero específicos de cada sexo. Posteriormente, xeráronse espazos mixtos de diálogo e aprendizaxe compartida. Esta iniciativa, titulada “En construción: Identidades libres de violencia de xénero”, foi impartida pola psicóloga sanitaria Paula Sánchez, especialista na materia.
Nos centros de Primaria, o obxectivo foi analizar os estereotipos de xénero e os roles sociais presentes na vida cotiá e nos medios de comunicación, fomentando unha mirada crítica ante os modelos de relación que transmiten os contidos culturais e dixitais. O obradoiro, “A fogueira da illa das reflexións”, estivo a cargo de Priscila Retamozo Ramos, formadora en igualdade, e Cristina Louzán García, axente de igualdade especializada en teoría feminista e prevención da violencia contra as mulleres.
As sesións desenvolveronse entre o 5 e o 11 de marzo en diversos centros educativos da localidade, como o CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, IES Río Cabe, PP Escolapios, IES Daviña Rey, CEE Infanta Elena, CEIP Monforte e CEIP A Gándara. Esta acción contou con financiamento procedente dos fondos transferidos pola Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres.