Monforte celebrou no día de onte varios actos en honra á Patroa da vila
Na mañá de onte realizáronse os actos litúrxicos de honra á Patroa de Monforte de Lemos, a Virxe de Montserrat.
Xunto cos fogos de San Vicente, que tiveron lugar onte a partir das 12 da noite, estas son as dúas únicas actividades relacionadas coas Festas Patronais de Monforte que se levaron a cabo este ano por mor da covid19.
O resto de actividades propias das festas patronais foron suspendidas por responsabilidade sanitaria cos veciños e veciñas de Monforte.
Deste xeito, a comitiva oficial encabezada polo alcalde, José Tomé, e formada por diversos membros da Corporación Municipal, así como por representantes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, isto é, Garda Civil, Policía Nacional e Policía Local, partiu ás 10.45 horas da praza do Concello, como é tradición, para dirixirse á igrexa da Régoa, acompañados por un grupo de gaitas.
A tradición tamén marca que esta celebración na honra da Patroa de Monforte se celebre na igrexa de San Vicente, pero as obras de restauración que se están levando a cabo nela, fixeron que os actos litúrxicos do 15 de agosto se trasladasen á devandita igrexa da Régoa.
Todos os actos na honra á Patroa celebráronse no interior da Igrexa da Régoa, seguindo a normativa de hixiene e distancias de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias, e que supoñen unha limitación do aforo e o uso obrigatorio de máscara.
Deste xeito, tras a eucaristía, celebrouse, no interior da igrexa, unha ofrenda floral na que o alcalde de Monforte depositou flores ante a Virxe. Tras elo, dous grupos de baile tradicional executaron dúas pezas tamén diante da Virxe e dentro do templo. Despois diso, concluíron os actos de honra á Virxe.
Os fogos de San Vicente foron os protagonistas ás 12 da noite. Desta maneira, remataron os actos polas festas patronais, unhas festas diferentes a causa da covid.