Monforte celebrou este martes un dos seus desfiles de Entroido máis multitudinarios, con arredor de 1.300 participantes

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, celebra o “rotundo éxito de participación, animación e creatividade” do Desfile de Entroido celebrado este martes na cidade, que reuniu arredor de 1.300 persoas inscritas no desfile de comparsas e disfraces e encheu as rúas de veciños e visitantes.
O desfile arrancou ás 17.00 horas desde o barrio da Estación e percorreu as principais rúas do centro ata finalizar na Praza da Compañía. Alí, a concelleira de Cultura, Marina Doutón, foi a encargada de dar a coñecer os gañadores e gañadoras dun certame que repartiu un total de 21.000 euros en premios entre as mellores propostas tanto de Monforte como de fóra do municipio. A xornada pechouse coa actuación da Orquestra Súper Top na explanada da Compañía.
Na súa valoración, o rexedor destacou tamén “o impulso económico que supón esta celebración capaz de reunir na cidade a un número importantísimo de persoas tanto de aquí como de fóra, que visitan Monforte para desfrutar dunha posta en escena divertida e colorista, e na que non pode faltar a crítica e o bo humor”. Así mesmo, felicitou aos premiados e agradeceu a todos os participantes “a ilusión e as horas de traballo dedicadas á elaboración das estupendas propostas que desfilaron nesta edición”.
Na modalidade de comparsas de máis de catro integrantes participaron 21 colectivos de Monforte e 13 doutros municipios das catro provincias galegas, con representación de localidades como Sarria, Sober, Chantada, Vilamarín, Ferrol ou Vigo, entre outras. Na categoría individual, destinada a grupos de un a tres compoñentes, inscribíronse catro propostas de adultos e catro infantís.
En total foron 1.296 as persoas rexistradas oficialmente, aínda que a participación real foi maior, xa que, segundo subliñou o alcalde, “súmase moita xente que non concursa pero que quere desfrutar igualmente do percorrido e da animación do desfile”.