Monforte celebrará o San Brais sen cintas nin procesións
O vindeiro mércores, día 3 de febreiro, é a festividade do San Brais, unha das datas festivas destacadas no calendario de Monforte. Pero a actual situación sanitaria obriga a reformular a celebración dos actos litúrxicos, extremando as medidas de seguridade contra a covid-19. Así, non haberá actos no exterior, procesións nin a tradicional venda de cintas.
Entre as medidas adoptadas figura tamén a limitación do aforo nas misas programadas para esa xornada. Á primeira, que se celebrará ás 11.00 horas na igrexa da Régoa, só poderán acudir 70 persoas. Á liturxia das 19,00 horas, nos Escolapios, poderán asistir 100. Ambas cerimonias serán retransmitidas en directo a través da páxina de facebook da parroquia da Régoa.
Este ano tampouco se poderá levar a cabo a tradición de envolver cintas ao redor do pescozo da figura de San Brais, xa que o santo quedará na igrexa de San Vicente, nin tampouco se venderán as típicas roscas. Soamente se bendecirán os doces e as cintas que se leven da casa.