Monforte celebrará as Letras Galegas de 2025 cun amplo programa de actividades

O Concello de Monforte está ultimado o programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas, que este ano está adicado á poesía popular oral e personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica).
O alcalde destaca que “ideamos, a través da Concellería de Cultura, un completo programa de actividades que ten por obxectivo ofrecer ós monfortinos e monfortinas a riqueza da nosa oferta cultural a través do teatro, os espectáculos infantís, a música ou os roteiros para coñecer o noso patrimonio histórico. Por iso, animo a participar ós cidadáns nas actividades que programamos para este ano 2025”.
O 15 de maio, ás 20.15 horas, o auditorio do Edificio Multiusos acollerá a obra Manuela Rey is in da House do Centro Dramático Galego inspirada na esquecida figura da actriz mindoniense que chegou a ser estrela do teatro lisboeta na segunda metade do Século XIX.
O 16 de maio, ás 20.00 horas, o auditorio do Edificio Multiusos acollerá un concerto de ópera galega A Loba Branca de Brais González organizado pola Sociedade Filarmónica de Monforte coa colaboración do Concello, un dos actos cos que conmemoran o seu 75 Aniversario.
O propio sábado 17 de maio, tamén no auditorio do Edificio Multiusos, celebrarase dende as 12.00 horas o Festival Letras Galegas 2025, coas seguintes actuacións da Asociación Cultural Amigos da Pandeireta de Monforte e da Coral Polifónica do Concello de Monforte
Os días 19 e 20 de maio terá lugar a representación teatral das dúas últimas obras que participan no certame municipal de teatro para centros de ensino que comezaron o 6 de maio e na que participan os colexios seguintes: CEIP de Monforte con Ser diferente, Colexio P. Ferroviario con Matilda, IES A Pinguela con Asasinas a Soldo, IES Río Cabe con Xespirando, xoguete cómico para todes, Colexio PP Escolapios con A pantasma de Canterville, ANPA CEIP A Gándara con Lingua viva, CEIP A Gándara co A Muralla, representando as súas obras no auditorio do Multiusos.
O 25 de maio, ás 18.00 horas no auditorio do Edificio Multiusos, terá lugar o Espectáculo infantil e familiar do Programa FalaRedes, chamado “Fala fala falangueira” a cargo da compañía Matrioshka Teatro.
Un día despois, o 26 de maio ás 6 da tarde, celebrarase a entrega de premios do XXXII Certame municipal de teatro para centros de ensino de Monforte 2025 no auditorio do Edificio Multiusos no que se premiará o esforzo dos nenos e nenas dos 7 centros de ensino que participaron na edición deste ano 2025.
Ademais, continua aberto o prazo para participar no Certame de Narración e Debuxos Infantís ata o luns 19 de maio podendo entregarse as obras que participen, na Biblioteca Municipal ata o propio luns, en horario de mañá e tarde.
Do mesmo xeito, dende o Concello organízanse roteiros literarios por Monforte, durante os meses de maio e xuñio, para os cales os interesados deben concertalos coa Concellería de Cultura, en rúas e prazas da cidade, e que versan sobre os Condes de Lemos, Manuel María ou Lois Pereiro entre outros.