Monforte celebra o Xoves de Comadres cun concurso

RibeiraSacraXa
A concentración de comadres comezará ás 17.30 na Praza de España e repartiranse un total de 2.000 euros en premios
Xoves-de-Comadres-Monforte
Xoves de Comadres, Monforte, 2024
27 Feb 2025

Este xoves, 27 de febreiro, o Concello de Monforte continúa coas actividades programadas arredor do Entroido 2025, coa celebración do Xoves de Comadres.

Cabe recordar que para esta edición de 2025, dende o Equipo de Goberno decidiuse incrementar a partida de premios en 4.000 euros respecto ao ano pasado, alcanzando os 25.000 euros, un 19% máis que en 2024 (21.000 euros) e un 39% máis que en 2023,(18.000 euros). “O obxectivo é animar á xente a que participe nestes concursos e contribúa ó éxito do noso Entroido” salientou o alcalde, José Tomé Roca.

Trátase da partida económica máis alta destinada polo Goberno de José Tomé para os premios dos diferentes concursos do Entroido. “Incrementamos os importes en todas as categorías, e especialmente os premios ás Carrozas e ás Comparsas do Martes de Entroido”, subliña o rexedor monfortino, quen anima “a todos os monfortinos e monfortinas a participar nos diferentes concursos de Entroido que convocamos”.

Concurso do Xoves de Comadres

Para o concurso do Xoves de Comadres, a Concellería de Cultura de Monforte levou a cabo tres convocatorias. Unha delas para os centros de ensino, outra para parroquias, barrios e rúas do Concello e por último, unha terceira de carácter individual, que concursará na Praza de España o propio xoves día 27.

Os criterios que seguirá o xurado para determinar os gañadores terán en conta a orixinalidade dos materiais empregados e tamén se vai valorar a montaxe, a elaboración e os materiais utilizados, o interese etnográfico e a crítica social. Cómpre destacar que cada un destes criterios terá unha valoración mínima do 10% e a máxima será do 25% do total da puntuación.
Os premios para cada unha das convocatorias son os seguintes, tendo unha partida máxima de 2.000 euros:

Premios individuais:

  • 1º premio: 100 euros
  • 2º premio: 75 euros
  • Accésit: 50 euros

Premios colectivos:

  • 1º premio: 150 euros
  • 2º premio: 120 euros
  • Accésit: 75 euros

Outros premios

  • Premio á etnografía: 150 euros
  • Premio á crítica social: 150 euros

A concentración de comadres comezará ás 17.30 na Praza de España de Monforte de Lemos e, a partir desa hora, comunicaranse os gañadores e gañadoras co concurso e terá lugar a queima dos monecos da Comadre oficial.

⚙ Configurar cookies
0.10748887062073