Monforte avisa de cortes de tráfico polas obras de reparación do firme nas rúas Doutor Teixeiro e Doutor Casares

O Concello de Monforte de Lemos informou de que esta fin de semana se producirán cortes de tráfico nas rúas Doutor Teixeiro e Doutor Casares con motivo de traballos de reparación do firme.
As actuacións executaranse o sábado 17 e o domingo 18 de xaneiro, o que obrigará ao peche temporal de ambas as dúas vías durante o desenvolvemento das obras. No caso da rúa Doutor Teixeiro, o tramo afectado será o comprendido entre a rúa Julio Camba e a Praza de Abastos. O tráfico permanecerá cortado desde as 15.00 horas do sábado e durante toda a xornada do domingo.
Os vehículos que accedan desde Roberto Baamonde por Julio Camba en dirección ás rúas Inés de Castro e Ricardo Quiroga deberán empregar itinerarios alternativos, ben a través da rúa da Corna —limitada a turismos e vehículos de dúas rodas— ou polas rúas Real e Santo Domingo.
Na rúa Doutor Casares, as obras realizaranse entre a Praza do Doutor Goyanes e o enlace co Paseo do Malecón. O corte de tráfico comezará ás 9.00 horas do sábado e manterase durante todo o domingo. Durante ese período non será posible o acceso nin a saída dos garaxes situados no tramo afectado.
Como alternativa, os vehículos procedentes do Campo de San Antonio e da rúa Corredoira que se dirixan a Doutor Casares a través da Ponte Vella deberán circular pola Ronda María Emilia Casas Baamonde.
Por último, na Praza do Doutor Goyanes permitirase o paso dos vehículos autorizados para circular polas rúas peonís, sempre dentro do horario permitido e unicamente para acceder ás rúas Abelardo Baanante, Comercio e Armando Cotarelo.