Monforte avanza nos preparativos do Festival do Viño da Ribeira Sacra

O Concello de Monforte continúa a traballar intensamente na organización do Festival do Viño da Ribeira Sacra, que celebrará a súa sétima edición entre o 4 e o 6 de xullo no Paseo do Malecón, á beira do río Cabe. Esta semana, o alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, mantivo unha reunión coas adegas participantes para explicarlles en detalle o plan organizativo do evento e realizar o sorteo público que determina a ubicación de cada stand.
A xuntanza tivo lugar no Salón de Plenos da Casa do Concello e nela explicáronse aspectos fundamentais relacionados coa organización, estética e montaxe do espazo expositivo. O rexedor explicou aos adegueiros e adegueiras as principais novidades nesta edición, incluíndo cambios no deseño dos stands e das zonas comúns, así como o conxunto de actividades paralelas que conformarán o programa do Festival, co obxectivo de seguir medrando como referente enoturístico e cultural na Ribeira Sacra.
Un dos momentos máis destacados do encontro foi o sorteo público das ubicacións dos stands, que se realizou mediante a extracción do nome de cada adega dunha caixa especialmente habilitada para este fin. En total, participarán 30 adegas, que ocuparán os seus postos seguindo a orde marcada desde o novo pórtico de entrada do festival.
Durante a súa intervención, o alcalde agradeceu o compromiso das adegas e o seu interese por participar nun certame que constitúe unha das principais apostas do goberno municipal pola promoción do viño da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Tamén destacou o impacto positivo que o Festival ten sobre a proxección da paisaxe, a cultura, a gastronomía e o patrimonio local, así como sobre o comercio e a hostalería da cidade.
Pola súa parte, os representantes das adegas expresaron a súa satisfacción pola consolidación do evento, destacando o esforzo organizativo do Concello e a importancia de contar cun espazo de promoción como este, que cada ano atrae a milleiros de persoas a Monforte.
Finalmente, o alcalde anunciou que o Paseo do Malecón permanecerá pechado ao tráfico desde o domingo 30 de xuño para iniciar os traballos de montaxe do recinto do Festival do Viño.