Monforte aproba as axudas ás familias para a adquisición de libros de texto e material escolar
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de aprobar as axudas destinadas ás familias de Monforte para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario para o curso 2024/2025.
“Dado que ano a ano aumenta a demanda deste tipo de axudas, dende o Equipo de Goberno decidimos incrementar en algo máis de 5.000 euros estas axudas no ano 2022, alcanzando os 25.000 euros, cifra que mantemos en 2024”, destacou o rexedor monfortino.
Así, as solicitudes resoltas favorablemente neste ano 2024, e aprobadas na Xunta de Goberno Local, son de 232, que son 50 solicitudes máis que en 2023, un 27 % máis.
Tras a resolución de concesión da axuda económica, as contías serán aboadas mediante a entrega dun vale que será único por cada alumno/a e estará selado e asinado pola concelleira de Servizos Sociais e Discapacidade, Gloria Prada.
Deste xeito, o rexedor mantén o seu compromiso co investimento en política social, sendo así sensible ás necesidades das familias, compromiso que se traduce nos 25.000 euros destinados en 2024 a estas axudas, co fin de atender a todas as solicitudes presentadas, e non deixar atrás a ningunha familia que o necesite.
O obxectivo perseguido polo Executivo de José Tomé é apoiar ás familias monfortinas con menor renda per cápita do municipio de Monforte, que presentan dificultades económicas para afrontar o gasto que supoñen a adquisición de material escolar e libros, ante o inicio do curso escolar o vindeiro mes de setembro.
Estas axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar complementario están destinadas ó alumnado empadroado no Concello de Monforte e escolarizado para o curso 2024/2025 en educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria ou educación especial, nalgún dos centros docentes públicos ou concertados existentes no municipio.
Os vales-axuda poderán ser recollidos dende o vindeiro luns, 19 de agosto, na Secretaría do centro de Servizos Sociais do Concello emprazada no primeiro andar do centro Cívico Social (Paseo Malecón s/n). A data límite para a súa recollida será o 19 de setembro de 2024 e a data de caducidade dos vales será ata o 11 de outubro de 2024. No caso de non retirar o vale no prazo establecido entenderase existe unha renuncia tácita e procederase a anular o vale. Do mesmo xeito, anularanse os vales cando se presente a renuncia expresa.
O importe destas axudas vai dende os 75 euros ata os 405 euros, dependendo do número de fillos ou fillas por familia e do curso que estuden. No caso do alumnado pendente de matrícula en setembro a entrega do vale estará condicionada á presentación do certificado de matriculación no curso 2024/25.
Unha vez que a persoa solicitante este en posesión do vale, poderá adquirir os libros e material escolar en calquera librería do municipio de Monforte de Lemos, a súa libre escolla e polo importe máximo que figura no documento.
Se o importe do material escolar adquirido é inferior ó valor do vale, o persoal do establecemento deberá establecelo na factura correspondente ó interesado que emitirá o Concello de Monforte de Lemos facendo constar o número de vales e o importe realmente gastado, perdendo a persoa beneficiaria a diferenza; se o importe fose superior ó do vale, o persoal do establecemento emitirá a factura polo importe do vale e a diferenza será facturada á persoa solicitante. O Concello soamente asumirá a contía establecida no vale.
Os vales non poderán ser fraccionados, é dicir, o importe de cada vale só pode ser utilizado nun único establecemento. Unha vez entregado o material escolar a persoa solicitante entregará o vale asinado ó establecemento que quedará en posesión do mesmo, autorizando a persoa beneficiaria da axuda á cesión do cobro desta ó establecemento autorizado. En caso de extravío do vale tanto pola persoa beneficiaria coma por libraría non expedirán un novo vale.