Monforte aproba as axudas ao transporte para alumnado universitario e de ciclos formativos

RibeiraSacraXa
O obxectivo é facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do concello
casa-concello-monforte
7 Oct 2025

O Concello de Monforte vén de aprobar as bases reguladoras para a concesión de axudas ao transporte do alumnado universitario e de ciclos de formación correspondentes ao curso académico 2025/2026, que serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) durante os vindeiros e permanecerán abrtas a solicitudes dende o día seguinte á súa publicación e ata o 7 de novembro.

Estas axudas están destinadas a cubrir os gastos de transporte público do alumnado universitario empadroado en Monforte, así como do alumnado de ciclos medio e superior de Formación Profesional e Bacharelato que teña que desprazarse fóra do municipio, por non existir oferta formativa do ciclo ou bacharelato elixido en Monforte ou non obter praza na oferta local. Neste sentido, o alcalde de Monfort, José Tomé Roca, sinalou que
“Con esta liña de axudas, desde o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fora do noso concello, ben sexa no ámbito universitario, ben noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade”, sinalou o alcalde de Monfort, José Tomé Roca, que destcou “o firme compromiso” do seu goberno “coas políticas sociais”.

As axudas abranguen o período entre setembro de 2025 e xullo de 2026. Ademais, o Concello tamén concedeu recentemente apoio económico para a adquisición de libros de texto e material escolar, cun orzamento de 30.000 euros, que beneficiou a 229 familias de Monforte.

Os interesados deberán acreditar documentalmente que están empadroados no Concello no período inmediatamente anterior á presentación da solicitude, que están matriculados no curso 2025/2026 na universidade, ciclo de formación ou bacharelato correspondente e que están ao corrente das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, mediante declaración xurada. Tamén se debe demostrar que non se está incurso nas prohibicións da Lei 38/2003, Xeral de Subvencións.

Estas axudas serán compatibles con outras concedidas por administracións ou entidades privadas sempre que o importe total non supere o gasto total. Para determinar a subvención, terase en conta a renda per cápita anual e a situación laboral da unidade familiar, excluíndose aquelas rendas superiores a 12.000 euros. En función destes criterios, cada solicitante poderá recibir entre 200 e 600 euros.

⚙ Configurar cookies
0.31498408317566