Monforte anuncia os gañadores do Concurso de Beléns para centros educativos

RibeiraSacraXa
O concurso recoñeceu a cinco centros educativos, aos que repartiu un total de 575 euros en premios
concurso-belens-monforte-2025
17 Dec 2025

O Concello de Monforte anunciou este martes os resultados do Concurso de Beléns para centros de ensino da cidade, unha das actividades incluídas na programación do Nadal 2025-2026.

O concurso recoñeceu a cinco centros educativos, aos que repartiu un total de 575 euros en premios. Foron concedidos dous primeiros premios, dous segundos e un terceiro, que quedaron repartidos da seguinte maneira: o Colexio A Gándara e o CEIP de Monforte recibiron os primeiros premios, cada un con 150 euros; o Colexio PP Escolapios e o IES A Pinguela, na categoría de Ciclo Básico de FP Tapizaría e Cortinaxe do Departamento de Téxtil, Confección e Pel, obtiveron os segundos premios con 100 euros cada un; mentres que a Escola Oficial de Idiomas foi galardoada co terceiro premio de 75 euros.

O xurado visitou os centros participantes o luns 15 de decembro para avaliar os beléns expostos, tendo en conta criterios como a orixinalidade, o traballo realizado e a presentación artística. Segundo as bases do concurso, os aspectos valorados inclúen a montaxe, a elaboración, os materiais empregados, a orixinalidade, o interese etnográfico e a calidade dos beléns.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destaca a boa calidade dos traballos presentados e agradeceu a implicación dos centros educativos, especialmente do alumnado que participou na confección e montaxe das pezas, subliñando que este concurso xa é un referente nas celebracións do Nadal na cidade.

⚙ Configurar cookies
0.085803031921387