Monforte amplía ata 2026 o prazo para rehabilitar vivendas no conxunto histórico

O Concello de Monforte prorroga o prazo para completar as obras de rehabilitación de vivendas incluídas na Fase 11 do programa de axudas á Rexeneración e Renovación Urbana. A ampliación, aprobada pola Xunta de Goberno Local, permitirá executar os traballos pendentes ata o 31 de decembro de 2026.
A medida afecta a catro proxectos que continúan en marcha nas rúas Doutor Casares, Santa Clara e Abeledos. Nesta fase concedéronse axudas para 19 actuacións, das cales 15 xa están finalizadas. A financiación procede do Ministerio de Vivienda y Agenda Urbana, con 136.440,47 euros, do Instituto Galego da Vivenda e Solo, con 25.718,91, e da achega municipal a través da Oficina de Rehabilitación e bonificacións fiscais.
O convenio subscrito entre o Goberno central, o IGVS e o Concello de Monforte regula a distribución dos fondos. O Ministerio aporta ata o 40% do orzamento de cada proxecto, cun máximo de 8.000 euros por obra de rehabilitación e de 12.000 se incorpora melloras de eficiencia enerxética. No caso de renovacións completas, a axuda pode acadar os 30.000 euros. O IGVS financia o 10% cun límite de 4.000 euros por actuación.
Na actualidade permanecen abertas tres fases do programa, que suman 92 intervencións no ámbito do conxunto histórico e zonas de respecto da cidade. Á fase prorrogada súmanse a 12ª, con 29 proxectos dos que 27 xa están executados, e a 13ª, que recolle 44 actuacións, catro delas xa finalizadas.
O rexedor, José Tomé Roca, destacou a “aposta decidida pola recuperación e posta en valor do Conxunto Histórico de Monforte” e subliñou “o impacto positivo deste programa de axudas encamiñadas a rehabilitar e revalorizar este espazo da nosa cidade”. Nese sentido, animou á cidadanía “a solicitar estas importantes axudas co obxecto de que acometan a rehabilitación das súas vivendas e contribuír a mellorar o noso conxunto histórico”.
Ademais, está aberta unha convocatoria específica do Plan Estatal de Vivenda 2022-2025 para actuacións a nivel de barrio no entorno residencial de rehabilitación programada (ERRP). Esta liña, financiada con fondos europeos Next Generation, conta con 700.000 euros para proxectos en vivendas unifamiliares ou edificios residenciais colectivos que logren reducir cando menos un 35% a demanda enerxética anual de calefacción e refrixeración. O prazo de solicitudes está aberto ata o 30 de decembro de 2025 e as obras deberán rematar antes do 30 de xuño de 2026.