Monforte adxudica as obras de recuperación e mellora da histórica rúa Vella

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou de que na Xunta de Goberno celebrada o pasado 10 de febreiro procedeuse á adxudicación das obras de recuperación e mellora da histórica rúa Vella. A empresa encargada da execución dos traballos será Ovisa Pavimentos e Obras, S.L.U., cun orzamento de 92.686 euros. O proxecto conta cunha inversión total de case 100.000 euros (99.440,99 euros).
Un proxecto clave para a recuperación da rúa Vella
A actuación, anunciada polo alcalde en novembro de 2024, busca rehabilitar unha vía de grande valor histórico e patrimonial situada intramuros, ao pé do monte de San Vicente. Segundo explicou José Tomé, o obxectivo principal é recuperar o pavimento orixinal da rúa ao tempo que se acondiciona e mellora o seu estado.
A rúa Vella data probablemente do século XII e servía de conexión entre a antiga porta de Carnicerías ou Peixarías e o Palacio Condal, na zona alta do monte de San Vicente, actualmente coñecida como Porta da Alcazaba. Durante os séculos XII e XIII foi unha vía fundamental, pero a súa decadencia comezou no século XVI, coincidindo co crecemento urbano fóra das murallas. No século XX, a súa estrutura viuse afectada pola construción dos depósitos de abastecemento de auga potable para a cidade.
"A día de hoxe, a rúa Vella semella máis un camiño rural que unha vía urbana, sen edificacións e en estado de abandono", sinalou José Tomé. “Por iso, desde o equipo de goberno decidimos acometer a súa mellora e acondicionamento, recuperando o seu pavimento orixinal”.
Detalles da intervención
Os traballos desenvolveranse ao longo de 156 metros lineais, cun ancho medio de 4 metros, o que supón unha superficie total de actuación de 579 metros cadrados. Segundo o informe do arqueólogo municipal, a intervención dividirase en catro zonas diferenciadas:
- Zona 1: realizarase a limpeza manual do pavimento orixinal xa descuberto en anteriores traballos de desescombro.
- Zona 2: escavarase con mini-retro e de forma manual para descubrir o pavimento de canto rodado soterrado baixo unha capa de terra vexetal. Unha vez localizado, limparase e reposicionaranse as pedras que falten.
- Zona 3: dado que se supón que non existe pavimento orixinal neste tramo, colocarase unha base de jabre compactado e un novo pavimento de canto rodado disposto a chapacuña.
- Zona 4: no ramal de acceso á baixada da rúa Vella e aos depósitos de auga, instalarase un pavimento mixto, combinando franxas de granito para a circulación de vehículos cun pavimento de canto rodado similar ao do resto da rúa.
As escavacións realizaranse baixo estrito control arqueolóxico para avaliar o estado de conservación do pavimento orixinal e, en caso necesario, introducir modificacións no proxecto.
Así mesmo, aproveitarase a intervención para soterrar instalacións de telefonía, actualmente aéreas, e prever unha canalización para unha futura iluminación pública. Tamén se restaurarán tramos dos muros de pedra laterais que presenten derrubamentos parciais.
Unha aposta pola recuperación do casco histórico
O alcalde subliñou a importancia desta actuación como un paso fundamental na recuperación do patrimonio monfortino. “Trátase dunha inversión relevante porque suporá a recuperación dunha rúa emblemática da nosa cidade e do noso casco histórico, en definitiva, dunha parte da nosa historia e do noso pasado máis esplendoroso”, destacou.
Ademais, avanzou que esta será a primeira dunha serie de intervencións nos camiños da ladeira de San Vicente, coa intención de continuar mellorando outras vías situadas dentro da muralla de Monforte.