Monforte activará un dispositivo especial de tráfico para o Desfile de Comparsas e o Enterro da Sardiña

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer o operativo especial de tráfico previsto para os días 17 e 18 de febreiro con motivo do Desfile de Comparsas e do tradicional Enterro da Sardiña, dúas das citas centrais do Entroido 2026 na cidade.
O martes 17, día grande do Entroido monfortino, celebrarase o multitudinario Desfile de Comparsas, no que se estima a participación de máis de 1.000 persoas e no que se repartirán 21.000 euros en premios. A concentración de comparsas e carrozas comezará ás 16.00 horas na Praza da Estación e en varias rúas da contorna, e o desfile arrancará oficialmente ás 17.00 horas. O percorrido discorrerá por Calvo Sotelo, Roberto Baamonde, Praza Ponte Fontecha e Compañía, con final previsto arredor das 19.30 horas na explanada fronte ao colexio dos Escolapios.
Con motivo deste evento, a Policía Local poñerá en marcha un dispositivo que implicará cortes de tráfico progresivos entre as 16.00 e as 20.30 horas, aproximadamente, en función do avance do desfile. As restricións afectarán a numerosas vías do centro urbano, entre elas Rosalía de Castro, Coruña, Curros Enríquez, Calvo Sotelo, San Pedro, Zapardiel, Roberto Baamonde, Avenida de Galicia, Cardenal, Praza Ponte Fontecha, Compañía e Francisco Moure, así como a diferentes rúas adxacentes. Tamén se establecerán limitacións específicas en accesos como o da estación de tren, que deberá realizarse por Concepción Arenal, e na circulación por Hortas, onde en determinados tramos horarios só se permitirá o sentido cara a Chantada.
O mércores 18 será a quenda do Enterro da Sardiña, que porá o broche final ao Entroido. A comitiva fúnebre sairá ás 20.00 horas desde a Praza de España e percorrerá a zona peonil da rúa Cardenal, a Avenida de Galicia ata o cruzamento con Ourense, e continuará polo Campo de San Antonio e a Praza do Concello, onde se procederá á lectura de coplas. O percorrido seguirá despois por Méndez Casal ata a Ponte Medieval, desde onde se lanzará a sardiña ao río Cabe como acto simbólico de despedida.
Durante este evento tamén se aplicarán cortes de tráfico progresivos entre as 20.00 e as 21.30 horas nas rúas afectadas polo paso da comitiva, incluíndo a contorna da Ponte Medieval, Hortas, Avenida de Galicia, Ourense, Campo de San Antonio, Méndez Casal e Santa Clara.