Monforte activa un operativo especial ante a situación de incendios forestais en Galicia

O alcalde de Monforte, José Tomé, anunciou a posta en marcha dun operativo especial no municipio para apoiar a loita contra os incendios forestais activos en Galicia, tras a activación da situación 2 do Plan especial de protección civil ante incendios forestais da Xunta.
Segundo o decreto aprobado esta mañá, o Concello de Monforte adoptará todas as medidas preventivas dispoñibles para reducir o risco de incendios, manterá activos os dispositivos de vixilancia en zonas sensibles —como áreas de interface urbano-forestal, espazos protexidos e zonas con alta carga de combustible vexetal— e terá preparados os medios humanos e materiais municipais, así como os de empresas privadas, que poidan ser mobilizados para tarefas preventivas ou de extinción. Entre estes recursos inclúense vehículos con auga, cisternas, pás ou bulldozers.
Ademais, o operativo coordinarase co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, e os medios do Concello estarán dispoñibles en calquera momento se son requiridos polos servizos de emerxencias. O decreto tamén foi comunicado aos responsables municipais de Obras e Medio Ambiente, Policía Local, Policía Nacional, Garda Civil e FCC Medio Ambiente en Monforte.
O alcalde destacou que esta medida forma parte da colaboración coa Xunta de Galicia, mantendo comunicacións constantes ao longo da semana coa conselleira de Medio Rural, e subliñou a disposición de Monforte para achegar medios e persoal se fose necesario.
José Tomé trasladou tamén unha mensaxe de apoio ás persoas afectadas polos incendios e de recoñecemento aos profesionais e voluntarios que traballan na súa extinción. Así mesmo, apelou á responsabilidade dos veciños de Monforte e pediu manter a tranquilidade, aínda que o municipio estea preparado por se fose necesario intervir.