Monforte acolleu unha marcha multitudinaria para conmemorar o Día Mundial da ELA

Monforte acolleu este domingo unha marcha multitudinaria organizada pola Asociación Galega da ELA, AgaELA, para conmemorar o Día Mundial desta enfermidade.
Á cita acudiron diversas autoridades, entre as que se atopaba o presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte, José Tomé Roca, que estivo acompañado pola1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, polo concelleiro de Medio Ambiente, Medio Rural e servizos, José Luis Losada, pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón e pola Concelleira de Consumo, Regina López, ademais de outros membros da corporación municipal.
A marcha, que estivo encabezada pola Vicepresidenta da Asociación, Susi Seoane Lema, acompañada polo Alcalde de Monforte, José Tomé, os membros do Equipo de Goberno, ademais de membros da Corporación e demais autoridades presentes, tivo un percorrido de 2,5 km dende a Praza da Compañía pola rúa Carud, San Lázaro, Reboredo, Historiador Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure, para voltar ó punto de partida, onde acto seguido, os asistentes puideron desfrutar dunha exhibición de Escola de Baile Ritmo Lg+ e do posterior sorteo de agasallos doados polos comercios locais de Monforte de Lemos, en colaboración coa Asociación AGAELA.
A cita serviu para visibilizar o apoio ás persoas afectadas por esta enfermidade neurodexenerativa. José Tomé puxo en valor o labor das asociacións como AgaELA e lembrou que na provincia de Lugo hai ao redor de 45 persoas diagnosticadas de ELA, o que representa o 13% dos casos galegos, e pediu “que se axilicen as axudas previstas na Lei da ELA aprobada pola Xunta en 2025, ante as queixas dos colectivos polos atrasos”. A andaina, que será a primeira dunha serie de mobilizacións solidarias que se desenvolverán por distintos puntos de Galicia, incluíu música e unha homenaxe a Germán Macía, veciño de Monforte falecido por ELA.