Monforte acolleu unha charla informativa sobre o programa ‘Da Escola á Granxa’

RibeiraSacraXa
A actividade foi organizada pola área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e contou coa participación do BNG de Monforte
charla-da-escola-a-granxa-monforte
11 Apr 2025

Este pasado mércores, día 9 de abril, desenvolveuse no Centro Cívico do Malecón, de Monforte, unha charla informativa sobre o programa "Da Escola á Granxa", unha iniciativa da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A sesión foi presentada por Emilio J. Sánchez, voceiro do BNG Monforte, e impartida por Carlos Rodríguez, Técnico da Área de Medio Rural, quen explicou con detalle os obxectivos do programa, os requisitos para participar e o proceso de solicitude das subvencións.
O proxecto educativo ‘Da Escola á Granxa’, busca achegar ao alumnado ao mundo rural, e poñer en valor as nosas producións agro alimentarias locais, mediante a concesión de subvencións a asociacións de nais e pais de centros educativos de infantil e primaria que o soliciten. Estas axudas están destinadas a cubrir tanto as actividades educativas nas granxas, como os desprazamentos necesarios para realizalas.

“Desde o BNG de Monforte, queremos agradecer á Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo a organización deste tipo de actividades tan enriquecedoras para o noso estudantado de menor idade, achegándolles a realidade do mundo rural, algo que desgraciadamente, hoxe en día, non é tan doado como puidera parecer nun primeiro momento para os nenos e nenas da provincia”, sinalan. Ademais, agradeceron tamén “a todas as ANPAS, granxeiros e produtores que asististes á reunión, polo interese e compromiso co programa”.

⚙ Configurar cookies
0.161288022995