Monforte acolleu un curso de profesionalización no sector apícola
Remata a profesionalización do sector apícola cun curso sobre cría de raíñas e selección xenética. A acción formativa, que rematou esta semana, tivo lugar no Centro de Formación e Experimentación Agrícola (CFEA) de Monforte de Lemos e desenvolveuse ao longo de dúas xornadas de oito horas.
O curso introduciu aos apicultores no mundo da cría de raíñas e da selección xenética, co fin de acadar producións máis estables co mínimo traballo. Para iso, a programación do curso contou primeiramente cunha parte teórica na que se afondou nos fundamentos da cría de raíñas e da xenética das abellas, así como nos sistemas de crías máis utilizados.
Por outra banda, ofreceuse unha parte práctica na que se ensinaron tanto a técnica do traslarve e preparación do iniciador, como o uso da incubadora, marcaxe e preparación das raíñas para o control de nacementos.
Deste xeito, o modo de traballo dos docentes do curso consistiu na transmisión dos coñecementos aos alumnos, animándoos a conseguir as metas marcadas por medio dun espazo no que fluíu o intercambio de ideas e opinións entre docente e alumnos, unha cuestión moi importante na aposta pola profesionalización do sector apícola.