Monforte acolleu esta fin de semana a primeira festa da campaña ‘Regala en Nadal, Merca en Local’
O Presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou esta fin de semana na primeira festa da campaña ‘Regala en Nadal, Merca en Local’, que tivo lugar pola tarde na cidade monfortina. A iniciativa, impulsada de forma conxunta pola institución provincial e a Federación Galega de Comercio, busca fomentar o consumo responsable e impulsar a economía local durante unha das tempadas festivas máis importante en vendas do ano.
A Praza de España da capital da Ribeira Sacra acolleu desde as 17.00 horas desta tarde actividades de animación, actuacións infantís, música, chocolatada e sorteos en directo de tres tarxetas prepago: unha de 500 euros, outra de 1.000 euros e unha última de 3.000 euros. Antes do último sorteo, Tomé Roca animou aos veciños e veciñas a mercar no comercio local, “porque cada euro que gastamos no comercio local é unha inversión nos nosos concellos” e desexou a todos os participantes un feliz Nadal.
No acto estivo acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José Mª Seijas, representantes do CCU de Monforte, a Tenente de Alcalde, Gloria Prada, as concelleiras de Muller e Igualdade, Margarita López, Consumo, Regina López, e os concelleiros de Servizos, José Luis Losada, Deportes, José Manuel Mougán e Novas Tecnoloxías, Guillermo Díaz.