A marcha contra o cancro do vindeiro domingo 26 en Monforte é apoiada por todos os axentes sociais
A Asociación Española Contra o Cancro de Lugo organiza para o vindeiro domingo, 26 de novembro, unha andaina e carreira en Monforte baixo o nome de 'Monforte en marcha contra o cancro".
Esta iniciativa, que comezará ás 12.00 horas desde a praza Compañía, percorrerá un circuíto urbano de 5 quilómetros e os participantes poderán facela correndo ou camiñando.
Para inscrirse, haberá que ir á páxina web da asociación e pagar 10 euros pola inscrición e a camiseta coa que se correrá, pero tamén pódese participar doando unha cantidade que as persoas queiran ser ter que participar da carreira, xa que todos os fondos recadados irán para mellorar a vida das persoas que sofren desta enfermidade.
Desde a asociación agradecen ás institucións e empresas colaboradoras, como son o Concello de Monforte de Lemos, a Xunta de Galicia, Queserías Prado, Autos Lemos, Solán de Cabras, Caixa Rural Galega, Supermercados Familia, Santiveri, Cocinas de Dalama, Radio Monforte, Casa Regina e Ateneo Casino.
Colaboración activa do Concello de Monforte
O Concello colabora activamente na II Andaina e Carreira contra o Cancro, así o destacou a concelleira de Muller e Igualdade “porque iniciativas de carácter solidario e social tan importantes coma esta, merecen todo o noso apoio”.
Neste senso, Margarita López explicou que a través da Concellería de Deportes, o Equipo de Goberno colaborou activamente coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido desta carreira, no que participaron tanto o Técnico de Deportes como a Policía Local.
Ademais, para o desenvolvemento desta carreira, dende o Concello tamén se proporcionará o servizo de ambulancia, e levarase a cabo a colocación das vallas necesarias para delimitar o circuito deseñado para a mesma.
A Policía Local colaborará no corte e vixiancia do tráfico daquelas rúas polas que transcorra a carreira, velando tamén pola seguridade dos e das participantes. Neste senso, a carreira implica o corte de vías de comunicación da cidade polas que transcorrerá a carreira: Francisco Moure, Paseo de Lugo, rúa Carude, San Lázaro Reboredo e Dalmiro de la Válgoma, cortes que serán levados a cabo pola policia municipal.
“É dicir” subliñou a concelleira, “dende o Executivo de José Tomé colaboramos nesta iniciativa poñendo á disposición dos organizadores toda a maquinaria técnica e organizativa necesarias para que a carreira e andaina resulten todo un éxito, algo do que estamos seguras que así será”.
A concelleira, tamén, animou aos veciños e veciñas a participar neste evento, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 24 de novembro e pode facerse de xeito online ou no local da asociación.
Apoio da Xunta de Galicia
Pola súa parte, a Xunta de Galicia tamén apoia esta iniciativa, polo que o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, explicou no transcurso da presentación que o Goberno galego colabora cos gastos de organización da carreira e da andaina.
Arias apuntou que o Goberno galego leva anos colaborando activamente coa AECC e resaltou que a Xunta ten en marcha a Estratexia de Xestión do Cancro en Galicia, co obxectivo de reducir a incidencia desta patoloxía e mellorar a atención aos pacientes.
Dentro das medidas impulsadas, fixo fincapé nos programas de cribado de cancros como o de mama ou colorrectal; e nos investimentos da Consellería de Sanidade para dotar de alta tecnoloxía os hospitais públicos.
Nese sentido, destacou algunhas das actuacións máis recentes no hospital comarcal de Monforte de Lemos, como a incorporación dun novo TAC este mesmo ano ou a recente reforma do hospital de día oncohematolóxico.