Monforte acollerá tres obradoiros sobre o funcionamento de instalacións térmicas renovables
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos ata tres accións de formación profesional e adquisición de competencias sobre o funcionamento das instalacións térmicas renovables, e a súa adaptabilidade ao sector agrario. Os obradoiros impartiranse os días 5, 8 e 9 de setembro, dende as 10.00 ata as 14.15 horas.
Os cursos inclúen nocións no relativo ao funcionamento e mantemento tanto da enerxía solar coma da biomasa. Tras isto, abordaranse a aerotermia e xeotermia das bombas de calor antes de finalizar a acción formativa cunha serie de cálculos básicos que se fan a diario nas instalacións. Estas iniciativas están dirixidas á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende que os asistentes a estes cursos coñezan o funcionamento das enerxías térmicas renovables, e a posibilidade de adaptalas ao eido agrario. Isto farase mediante a ensinanza do seu funcionamento e elementos básicos, co obxectivo de que os alumnos sexan os que valoren a capacidade de adaptación.
Cómpre lembrar que a consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pódese chamar ao teléfono 982 889 103 ou enviar un correo electrónico a ceca.monforte@edu.xunta.gal