Monforte acollerá preto dunha decena de espectáculos teatrais ata finais de ano

O Concello de Monforte de Lemos desenvolve este outono unha intensa programación teatral que se prolongará ata finais de ano cun total de once espectáculos, oito a cargo de compañías profesionais e tres representados por grupos de teatro afeccionado. O ciclo, coordinado pola Concellería de Cultura, forma parte da Rede Galega de Teatros e Auditorios de AGADIC e dos Circuítos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación de Lugo.
O propio alcalde, José Tomé Roca, puxo en valor esta proposta dirixida tanto ao público adulto como ao infantil, e animou a toda a veciñanza a asistir ás representacións, que se desenvolverán tanto no Edificio Multiusos como na Casa da Cultura, “dentro da aposta decidida que este Equipo de Goberno fai pola cultura e, neste caso, polo teatro galego”.
A programación comezou xa o pasado 9 de outubro coa obra “Guerra”, da compañía Teatro do Noroeste, no Edificio Multiusos. Dous días despois, a Asociación Cultural Teatreiras de Monforte levou á escena na Casa da Cultura “Retrincos e cousas de Castelao”.
As citas co teatro continúan este xoves co espectáculo “O que hai que ver!”, de Fulano, Mengano e Citano, e estenderanse ata o 20 de decembro con propostas como “O vixilante de sonos”, “Poeta en Nova York”, “Un deus salvaxe”, “As cousas que importan”, “Insubmisa”, “Helen Keller, a muller maravilla?”, “María Visitación Consolación Amadora” e “O boleto”.
PROGRAMA TEATRAL DO CONCELLO DE MONFORTE PARA O ÚLTIMO TRIMESTRE DE 2025