Monforte acollerá o partido deste domingo entre o Ourense CF e o Cacereño polas obras do estadio de O Couto

O campo municipal de A Pinguela será escenario este domingo, 25 de xaneiro, do partido da xornada 21 do Grupo A de Primeira Federación que enfrontará ao Ourense CF e ao Cacereño, a partir das 16.00 horas. O encontro foi presentado este martes en Monforte polo alcalde, José Tomé, xunto cos presidentes do Club Lemos e do Ourense CF.
O equipo ourensán solicitou disputar o partido en Monforte debido a que o seu estadio habitual, O Couto, se atopa en obras de renovación do céspede. A Xunta de Goberno Local deu luz verde o pasado luns á utilización de A Pinguela, unhas instalacións que cumpren cos requisitos esixidos pola Federación Española de Fútbol para esta categoría.
Durante a presentación, o alcalde destacou a importancia de que Monforte acolla un encontro destas características, subliñando que “a elección deste campo por parte dun equipo de primeiro nivel como o Ourense CF dá conta das excelentes instalacións que temos en Monforte”. Ademais, sinalou que se trata dunha competición cuxos partidos son televisados, o que permitirá dar proxección á cidade a través do deporte.
Tomé lembrou tamén a boa traxectoria recente do Ourense CF na Copa do Rei, onde logrou acadar os dezaseisavos de final tras eliminar equipos da Primeira División, e convidou á cidadanía a gozar “de fútbol de primeiro nivel” este domingo en A Pinguela.
Pola súa parte, o presidente do Ourense CF, Camilo Díaz, agradeceu a acollida do Concello e expresou o seu desexo de vivir “un día bonito de fútbol”, animando aos veciños e veciñas de Monforte a acudir ao partido.
As entradas terán un prezo de 15 euros para o público en xeral e de 10 euros para os socios do Club Lemos. Os afeccionados do Ourense CF poderán acceder co seu carné, e a recadación do encontro destinarase integramente ao Club Lemos.