Monforte acollerá o martes un curso sobre técnicas de agricultura orgánica
A consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, ten previsto celebrar un curso en Monforte de Lemos sobre técnicas da agricultura orgánica aplicadas á fruticultura e outros cultivos.
A formación celebrarase o vindeiro martes 25 de outubro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos en horario de 10.00 a 14.15 horas.
O eixo central desta formación é dotar aos alumnos dos coñecementos necesarios sobre a sustentabilidade e a resiliencia do medio rural, así como a rexeneración de terras pola súa relación coa saúde dos cultivos. Para iso, explicarase a interacción entre técnicas e prácticas sustentables co desenvolvemento tanto dos seus cultivos como da súa contorna.
Esta iniciativa está dirixida en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas
Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pódese chamar ao teléfono 982 889 103 ou enviar un correo a ceca.monforte@edu.xunta.es.