Monforte acollerá o final da XV etapa de "La Vuelta a España 2025"

RibeiraSacraXa
Será a segunda vez en só catro anos que Monforte acolla un final de etapa da proba ciclista máis importante de España, tras o paso da carreira pola cidade en 2021
presentacion-la-vuelta-2025-monforte
Presentación de la XV etapa de La Vuelta a España 2025
24 Jun 2025

O Presidente da Deputación de Lugo e alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado polo director xeral da Vuelta a España, Javier Guillén, e polo concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, presentou a chegada a Monforte da XV etapa da Vuelta 2025. Un evento que supón un novo fito na traxectoria da cidade como escenario de grandes citas deportivas.

Tomé destacou que se trata dun feito histórico, pois será a segunda vez en só catro anos que Monforte acolla un final de etapa da proba ciclista máis importante de España, tras o paso da carreira pola cidade en 2021. Ademais, lembrou que Monforte leva xa catro vinculacións coa Vuelta dende 2016, o que, segundo dixo, “reflicte a aposta firme pola promoción deportiva como motor económico e turístico da nosa cidade e provincia”.

O rexedor subliñou tamén o importante impacto económico que terá a etapa para Monforte e a provincia de Lugo, cun retorno directo estimado de 2 millóns de euros e un impacto total superior aos 3 millóns. A iso engadiu o valor promocional da retransmisión televisiva internacional, que se emitirá en 190 países e poderá ser vista por ata 400 millóns de persoas.

A etapa será “longa e esixente”, discorrerá pola Montaña lucense e a comarca de Sarria antes de finalizar en Monforte, amosando “a beleza e diversidade da provincia de Lugo, e rematando na capital da Ribeira Sacra”. Tomé cualificou a chegada da Vuelta como “un investimento estratéxico de promoción turística e de dinamización económica, pensado tamén para implicar á veciñanza e dar un impulso ao comercio e hostalaría local”.

O alcalde animou á cidadanía a saír á rúa para gozar do espectáculo e converter a xornada “nunha festa colectiva do ciclismo, como xa sucedeu en 2021”, e agradeceu a confianza da organización, personificada na figura de Javier Guillén, pola súa “relación próxima e aposta decidida pola nosa terra”.

⚙ Configurar cookies
0.17004704475403