Monforte acollerá no mes de xullo o Campus de Baloncesto do Breogán

Monforte de Lemos será sede este verán do primeiro Campus de Tecnificación ‘The Basket Dream’ Breogán, unha iniciativa deportiva dirixida a nenos e adolescentes de entre 6 e 18 anos que se desenvolverá do 20 ao 25 de xullo no pavillón Río Cabe, en horario de 10.00 a 14.00 horas.
A presentación tivo lugar este martes coa participación da tenente de alcalde, Gloria Prada, e do concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, acompañados pola presidenta do Club de Baloncesto Val de Lemos, Marga Rodríguez; o representante de The Basket Dream, Alberto Carmona; e o histórico adestrador do Breogán, Quique Fraga.
Durante o acto, Prada avanzou que as inscricións xa están abertas e animou ás familias a incluír esta proposta na planificación do verán. “Falamos dun campus deportivo, pero tamén dunha proposta que combina o baloncesto con actividades lúdicas e de divertimento”, sinalou.
A responsable municipal destacou tamén o valor engadido da iniciativa, subliñando que o campus “ven co selo do Breogán, un club referente no baloncesto galego”. Neste sentido, explicou que os participantes “terán ocasión de mellorar a súa técnica e desfrutar de sesións dirixidas por adestradores profesionais, polo que recibirán unha formación de calidade e unha experiencia enriquecedora”.
Ademais, Prada quixo facer un chamamento non só aos xogadores habituais, senón tamén a quen non practica este deporte, animándoos a “aproveitar esta ocasión para iniciarse, xa que a aprendizaxe estará adaptada por idades e niveis, e ademais de baloncesto, haberá traballo en equipo, compañerismo e divertimento”. A tenente de alcalde puxo en valor a “aposta e compromiso deste Equipo de Goberno co deporte base e cos xoves deportivas de Monforte” e agradeceu ao Val de Lemos e ao Breogán a organización do campus.
Pola súa banda, a presidenta do club monfortino, Marga Rodríguez, tamén destacou a importancia da iniciativa nun ano significativo para a entidade, que celebra o seu 25 aniversario. “Para nós o baloncesto é unha ferramenta de integración e de por en práctica todos os valores que queremos imprimir nos xoves”, afirmou.
O campus contará cunha modalidade intensiva centrada na mellora da táctica individual e colectiva, cun traballo de tecnificación adaptado ás idades e niveis dos participantes, “permitindo a cada xogador desenvolver ao máximo as súas capacidades”, segundo explicaron Alberto Carmona e Quique Fraga, quen tamén agradeceron a colaboración do Concello.
Como complemento á formación, o venres 24 celebrarase un torneo 3x3 co obxectivo de fomentar a competición, o compañerismo e a diversión. Aínda que o número definitivo de prazas está por concretar, a organización estima unha participación de entre 40 e 50 mozos e mozas.