Monforte acollerá esta fin de semana as Finais do Campionato Galego de Voleibol Xuvenil

A cidade de Monforte converterase esta fin de semana, 28 e 29 de marzo, no epicentro do voleibol galego coa celebración das Finais do Campionato Galego de Voleibol Xuvenil Masculino e Feminino no Pavillón Municipal de A Pinguela. A Tenente Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, anunciaron o evento en rolda de prensa, acompañados polo director de competición da Federación Galega de Voleibol, Mateo Fernández, e polo presidente do Club Korbis de Monforte, Roberto Castro.
Durante a presentación, Prada destacou a colaboración do Concello na organización dunha competición desta categoría e subliñou que será un fin de semana deportivo “de moito nivel e expectación”, xa que o Pavillón Municipal da Pinguela “será o escenario no que se decidan os novos campións do voleibol galego e os equipos que representarán a Galicia nos Campionatos de España de Clubs, ao máis alto nivel nacional”. A Tenente Alcalde salientou ademais que “é un pracer acoller esta competición, xa que Monforte é unha referencia no voleibol e na formación de novas promesas a nivel galego”, facendo fincapé en que a cidade conta “cunha das principais canteiras do voleibol grazas, precisamente, a clubs como o Korbis, do que están saíndo grandes xogadores e xogadoras”.
Prada tamén resaltou o compoñente dinamizador destas competicións, que atraen visitantes doutros lugares e permiten que coñezan a cidade, “sobre todo nunha fin de semana como esta, ás portas da celebración da Feira Medieval”. Animou aos monfortinos e monfortinas a asistir ás finais galegas de voleibol e desfrutar “dun auténtico espectáculo deportivo”. Desde a Federación Galega de Voleibol e o Club Korbis tamén agradeceron a colaboración do Concello, cualificada como “fundamental para que estas Finais se celebren en instalacións de primeiro nivel”.
As xornadas arrancarán o sábado 28 coas Finais Xuvenís Femininas, nas que se enfrontarán Korbis Lambetadas, Arenal Emeve Lugo, CV Oleiros e CV Cidade de A Coruña, e continuarán o domingo 29 coa Final Xuvenil Masculina, que reunirá a Korbis Lambetadas, Arenal Emeve Lugo, CV Oleiros e CV Vigo. Cada xornada incluirá as semifinais pola mañá, o partido polo terceiro posto e a gran final pola tarde, definindo así aos equipos que obtendrán o pase directo aos Campionatos de España de Clubs e representarán a Galicia ao máis alto nivel nacional.