Monforte acollerá entre setembro e outubro un ciclo de talleres gratuítos para emprendedores

RibeiraSacraXa
Estarán dirixidos a persoas que teñan unha idea de negocio ou un proxecto en marcha e que queiran dar os primeiros pasos para facelo realidade
Imaxe recurso de emprendemento
7 Sep 2025

Acción Contra a Fame pon en marcha en Monforte un programa de catro talleres dirixidos a persoas que teñan unha idea de negocio ou un proxecto en marcha e que queiran aprender a desenvolvelo. A iniciativa ofrece formación práctica e gratuíta, con prazas limitadas, para facilitar os primeiros pasos no emprendemento.

As sesións impartiranse na Escola Oficial de Idiomas de Monforte de Lemos cada sesión abordará un aspecto distinto do proceso emprendedor: desde a definición legal e os trámites de constitución, pasando pola construción dunha marca e a comunicación efectiva, ata nocións básicas de contabilidade e o uso de ferramentas visuais para reforzar a identidade da empresa.

O ciclo comezará o martes 16 de setembro co taller “A túa idea pode converterse nun negocio?”, centrado no encaixe legal, a forma xurídica e os trámites de constitución. Dúas semanas despois, o martes 30 de setembro celebrarase “Conta a túa idea”, no que se abordará como construír unha marca que comunique correctamente e conecte coa xente. O xoves 2 de outubro será o turno de “Que non te asusten os números”, que ofrecerá unha introdución a nocións básicas de contabilidade. Por último, o xoves 9 de outubro desenvolverase “Reforza a túa identidade de marca”, no que se ensinará a utilizar Canva para crear contido visual atractivo.

O ciclo enmárcase no proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento Rural Sostible, financiado polo Fondo Social Europeo Plus (FSE+) e a Fundación MAPFRE, e ten como obxectivo fomentar o talento emprendedor e apoiar a creación de negocios viables en contornos rurais.

⚙ Configurar cookies
0.16695594787598