Monforte acollerá en maio a presentación do Club de Emprendemento Ribeira Sacra

Monforte acollerá en maio a presentación do Club de Emprendemento Ribeira Sacra, unha iniciativa posta en marcha dende Acción Contra a Fame co obxectivo de converterse nun punto de encontro para persoas emprendedoras da comarca, empresas, entidades sociais e todas aquelas que apostan polo emprendemento como motor de dinamización do territorio rural.
A presentación terá lugar o 8 de maio no Ecocentro Natureza, en Monforte de Lemos, de 10.30 a 13.00 horas.
A xornada estará conducida por Ana Adán, e incluirá dinámicas participativas, momentos de reflexión compartida e propostas colectivas para deseñar o futuro do club entre todas as persoas participantes.
O encontro será unha oportunidade para coñecer a outras persoas emprendedoras da comarca, compartir ideas, inquedanzas e experiencias, así como impulsar novas sinerxías e proxectos no rural.