Monforte acollerá catro xornadas sobre o papel dos drons na sanidade vexetal
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar a semana que vén en Monforte de Lemos catro xornadas sobre tratamentos aéreos con drons na sanidade vexetal.
Os obradoiros impartiranse no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal os días 27, 28, 29 e 30 de setembro cun horario de mañá dende as 10.00 ata as 14.15 horas.
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2022, persegue neste caso dar a coñecer os conceptos básicos nos tratamentos aéreos, as normativas ás que están suxeitos e os drons como maquinaria agrícola alternativa para a realización de tratamentos preventivos, de mellora ou curativos en sanidade vexetal.
A iniciativa está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e da cadea forestal-madeira.
En concreto, o programa formativo recolle primeiramente a evolución e tendencia da agricultura dando conta de diferentes esixencias normativas, para logo abordar a xestión integrada de pragas e a agricultura de precisión, con revisión de conceptos e exemplos prácticos.
Deseguido, tratarase a normativa sobre seguridade aérea e sanidade vexetal e os tratamentos con drons, para finalizar cunha demostración atendendo á preparación de equipos, ao voo e á comprobación de eficiencia do tratamento.
Cómpre lembrar que a consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas
Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e facer a preinscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador poñerase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolle se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida pode chamarse ao teléfono 982 889 103 ou enviar unha mensaxe ao correo ceca.monforte@edu.xunta.gal