Monforte acollerá a I Marcha Solidaria polo Día Mundial da ELA organizada por AGAELA

AGAELA, a Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica, dá un paso máis neste 2025 para conmemorar o Día Mundial da ELA cunha iniciativa que percorrerá diferentes concellos de Galicia. A primeira cita será en Monforte de Lemos, o vindeiro 22 de xuño ás 11:00 horas na Praza da Compañía.
Trátase da I Marcha Solidaria polo Día Mundial da ELA, unha xornada que servirá como recordo e homenaxe a Germán, un veciño de Monforte falecido hai xa oito anos a causa desta enfermidade.
Con esta iniciativa, AGAELA busca levar unha mensaxe de unidade, loita e esperanza a cada recuncho de Galicia, co obxectivo de concienciar á sociedade sobre a ELA e visibilizar a realidade das persoas que conviven con ela.