Monforte acolle unha formación sobre quirópteros
Proxecto Ríos, o programa de voluntariado ambiental en ríos coordinado pola asociación ecoloxista Adega, vai realizar neste mes de agosto un curso de formación sobre quirópteros e o bosque de ribeira, que se impartirá nas Noites de morcegos. Estas teñen por finalidade difundir e sensibilizar a sociedade sobre a importancia ecolóxica dos morcegos e realízanse en máis de trinta países de toda Europa a través do proxecto EuroBats (www.eurobats.org) que cumpre 30 anos en 2021.
Os morcegos achegan grandes beneficios aos seres humanos como son a regulación da poboación de insectos (entre eles moitas especies praga) e son excelentes bioindicadores de diferentes tipos de ecosistemas, como no caso dos bosques de ribeira. Estudando as súas poboacións podemos detectar cambios na calidade ecolóxica da auga e tamén dos bosques de ribeira.
Quiroríos e ciencia cidadá
A sesión desenvolverase o 11 de agosto en Monforte de Lemos, en horario de tarde-noite. Na xornada realizarase unha formación teórico-práctica sobre o programa de ciencia cidadá Quiroríos que en Galiza coordinan o grupo GEAS e Adega. Quiroríos é un protocolo para o seguimento dos morcegos nos cursos fluviais como indicadores da calidade da auga e dos bosques de ribeira, aberto a calquera persoa que queira participar, pois non hai que ser experto/a para facelo.
Actualmente, hai prazas vacantes para a sesión formativa en Monforte de Lemos, pero as prazas son limitadas. Nas actividades aplicaranse as normas covid vixentes, sendo obrigatorio o uso de máscara.
Dende o Proxecto Ríos de Adega ofrecemos ao voluntariado ambiental a oportunidade de participar na mostraxe dos quirópteros da man de persoal experimentado. No desenvolvemento das dúas noites de morcegos, contaremos coa colaboración de Xosé Pardavila de Sorex, especialista na xestión de fauna salvaxe. A actividade conta co financiamento da Confederación Hidrográfica do Miño Sil.