Monforte acolle un curso sobre avicultura artesanal coa raza Galiña de Mos
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, ten previsto celebrar un curso en Monforte de Lemos sobre avicultura artesanal coa raza Galiña de Mos e comercialización das súas producións. O curso celebrarase o vindeiro sábado 12 novembro no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos en horario de 9.30 a 14.30 e de 16.00 a 21.00 horas.
O obxectivo desta formación é que os alumnos adquiran os coñecementos necesarios sobre a posta en marcha e funcionamento dunha granxa avícola artesanal, así como da comercialización do seu produto. Ademais, trataranse os requirimentos técnicos e sanitarios, centrados sobre todo na raza Galiña de Mos.
Esta formación está dirixida á xuventude do medio rural galego, así como ás persoas vinculadas profesionalmente, ou con expectativa de incorporación, aos sectores produtivos gandeiros, agrarios, agroalimentarios e de cadea forestal-madeira.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2022 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas
Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e facer a pre-inscrición en liña cubrindo os datos necesarios. O coordinador porase en contacto coas persoas interesadas a través do correo electrónico comunicándolles se están ou non admitidas. Para consultar calquera dúbida, pode chamarse ao teléfono 982 889 103, ou enviarse un correo a ceca.monforte@edu.xunta.gal.