Monforte acolle o encontro “Innovación con raíces” centrado no emprendemento rural

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou este venres en Monforte na inauguración do encontro ‘Innovación con raíces: emprendemento que transforma o rural’, onde destacou o papel estratéxico do emprendemento rural como motor de innovación, cohesión territorial e proxección exterior. Segundo Toca, o rural galego “é talento, creatividade e futuro”, e a innovación está a transformar as comarcas galegas en espazos capaces de xerar emprego, fixar poboación e abrir Galicia ao mundo.
Durante a súa intervención, puxo en valor iniciativas como a queixería Airas Moniz, en Chantada, ou A Túa Xanela, exemplos de “innovación con raíces” que demostran que “o rural galego é, hoxe en día, un verdadeiro laboratorio de innovación, capaz de achegar solucións a grandes retos globais como a sustentabilidade, a transición ecolóxica ou a dixitalización”.
Toca subliñou que o labor do Igape vai máis alá de políticas ou programas, adoptando unha nova forma de proximidade co tecido empresarial: anticiparse ás necesidades, reducir barreiras e ofrecer respostas áxiles. Destacou tamén o labor da Oficina Económica de Galicia, que no seu primeiro ano atendeu máis de 28.000 consultas, manteu 1.350 reunións de asesoramento e acompañou 370 proxectos de especial relevancia.
A directora do Igape lembrou iniciativas como Conecta Lugo e Conecta Ourense, que facilitan información, asesoramento e acceso a axudas en innovación, dixitalización, internacionalización ou sustentabilidade, e reafirmou que o obxectivo final é levar investimento e innovación a cada recuncho de Galicia, xerando emprego de calidade e fortalecendo a cohesión territorial. Exemplificou este compromiso coa BFAero, que sitúa a Lugo e Galicia á vangarda europea en drons e mobilidade aérea avanzada, e coas Business Factories sectoriais, que conectan talento, industria e futuro.
Finalmente, Toca resaltou a importancia da formación empresarial a través do programa Capacita Directivos, que leva case unha década con máis de 100 actividades e 20.000 participantes, co obxectivo de dotar ás persoas directivas de visión estratéxica e capacidade de liderado nunha contorna marcada por cambios constantes impulsados por ferramentas como intelixencia artificial, big data, ciberseguridade, automatización de procesos ou xemelgos dixitais.