Monforte acolle este xoves un ciclo formativo dirixido ao sector dos coidados

Co obxectivo de mellorar a inserción laboral no sector sociosanitario, a Fundación Acción contra a Fame pon en marcha o itinerario de talleres "Constrúe a túa saída laboral no sector dos coidados", dirixido a persoas que están finalizando a formación CM Atención a persoas en situación de dependencia ou o Certificado de Profesionalidade en Atención Sociosanitaria ou formacións similares.
Este programa formativo está estruturado nunhas seis sesións de carácter práctico, que abordarán desde a busca de emprego ata o emprendemento no sector dos coidados, con especial atención ás oportunidades no ámbito rural.
A primeira sesión, titulada "O mercado de traballo no sector dos coidados", terá lugar o próximo 3 de abril no Salón de Actos do Centro Cívico e Social do Paseo do Malecón (Monforte de Lemos), de 17.00 a 19.00 horas.
Neste encontro, analizáronse as distintas saídas profesionais, as tendencias do sector e as posibilidades de autoemprego. Ademais, contarase coa participación de profesionais que compartirán a súa experiencia e visión sobre o futuro dos coidados.
A seguinte xornada será este xoves, 24 de abril, en Ecocentro Natureza. Nela, os participantes afondarán sobre as distintas plataformas e recursos d emprego no sector sociosanitario, como elaborar un CV atractivo e adaptar as cartas de presentación, así como distinas claves para superar as entrevistas de traballo.
Este itinerario busca ofrecer ás persoas participantes as ferramentas necesarias para acceder ao mercado laboral con éxito, promovendo ao mesmo tempo a innovación e o emprendemento no ámbito dos coidados.
As prazas son limitadas. As persoas interesadas poden inscribirse a través de https://bit.ly/mercadocoidados ou no 648 166 848 e 616 515 455.
Esta actividade enmárcase no proxecto Comunidades de Emprego e Emprendemento rural sostible financiado por FSE+ e Fundación MAPFRE.