Monforte acolle este sábado o III Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra
O Executivo de José Tomé organiza este sábado, 7 de setembro, unha completa xornada adicada á arte de palillar, baixo o nome de III Encontro de Palilleiras de Monforte de Lemos, Capital da Ribeira Sacra.
A terceira edición desta mostra, que tanto en 2022 como en 2023 supuxo todo un éxito tanto de participación de palilleiras como de público asistente, celebrarase en diversas carpas de grandes dimensións e haimas ubicadas na Explanada da Compañía, debido á asistencia de arredor de 400 palilleiras provintes de toda Galicia e Castela e León (Bembibre e Toral de los Vados), e integradas en 30 grupos asociativos.
A terceira edición desta gran xuntanza de palilleiras no sur da provincia de Lugo, abrirá as súas portas a partir das 10.30 horas e ata as 19.00 horas e será inaugurada ás 12.00 horas. A continuación, terá lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte, e a entrega dun agasallo institucional ás mestras palilleiras presentes na mostra, que este ano son 30.
Ademais dos postos destinados ás palilleiras que acudirán a este encontro, tamén se contará cunha zona específica destinada á venta exclusiva de produtos que se poidan utilizar na arte de palillar, conformada por 12 tendas especializadas, provintes de diferentes puntos de Galicia, así como León, Burgos ou Madrid.
Este III Encontro de Palilleiras en Monforte é posible gracias ó traballo desenvolto polo Concello monfortino, xa que esta é unha iniciativa promovida polo alcalde, José Tomé Roca, e conta coa colaboración da Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra.
O obxectivo é amosar e por en valor a arte de palillar
Neste proxecto, traballouse dende o ano 2020, ano no que estaba ultimada a súa celebración que finalmente non foi posible celebrar pola incidencia da pandemia que obrigou a pospoñelo ata o ano 2022, e tivo continuidade no programa do Verán Cultural do Concello do ano 2023 e tamén deste ano 2024. A escolla de Monforte para ser a sede deste encontro veu motivada, pola alta demanda de moitas palilleiras que pedían celebrar un encontro en Monforte.
Do mesmo xeito, tamén se tivo en conta a repercusión mediática que ten Monforte de Lemos, como capital da Ribeira Sacra, e a propia Ribeira Sacra, dentro e fora de Galicia. Dende o Concello agárdase que o encontro volva a ser novamente ser un éxito de participación y de público, e que ademais vai xerar un importante impacto económico na cidade.
As localidades de procedencia das palilleiras protagonistas deste encontro son Arteixo, Vigo, Lugo, Ourense, Boiro, Sada, Oleiros, A Coruña, Sarria, Silleda, Valga, Monterroso, Vilanova deArousa, Viveiro, Burela, Xove, Vimianzo ou Camariñas, así como Monforte de Lemos. Tamén virán palilleiras provintes de dous concellos de Castela e León: Toral de los Vados e Bembibre.
Para este Encontro, o Concello de Monforte instalará na Explanada da Compañía diversos postos localizados en carpas de grandes dimensións, para que as participantes e as asociacións de palilleiras desenvolvan comodamente a súa arte de palillar e poidan amosar os seus traballos ó público asistente.
Tamén se ubicará outra zona comercial en diversas haimas, destinada ás tendas dos comerciantes que venderán exclusivamente produtos para palillar, e que soen estar presentes en todo este tipo de encontros.
O Concello fará entrega dun agasallo institucional ás mestras palilleiras que participarán no encontro, e dende a Asociación de Palilleiras Ribeira Sacra tamén se levou a cabo a elaboración dun detalle conmemorativo do encontro, que será entregado a cada participante.
PROGRAMA
- 10:30 h.- Recepción das palilleiras
- 11:00-14:00 h.- Palillada
- 12:00 h.- Inauguración da xuntanza de palilleiras. A continuación, actuación do Grupo de Gaitas
- do Concello de Monforte, e entrega de agasallos institucionais ás mestras palilleiras.
- 14:00 h.- Xantar
- 16:30 h.- Palillada
- 17:00 h.- Sorteo de agasallos
- 19:00 h.- Despedida