Monforte acolle este domingo un contacontos para concienciar aos máis pequenos sobre a Violencia de Xénero

RibeiraSacraXa
A actividade enmárcase dentro do programa organizado polo Concello no marco do 25-N
contacontos-25n-monforte
22 Nov 2025

Este domingo 23, ás 18.00 horas, o salón de actos da Casa da Cultura Lois Pereiro acollerá o Concerto Contacontos “Cambia o conto”, unha actividade dirixida ao público familiar. Esta proposta enmárcase no programa organizado polo Concello de Monforte, a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller, con motivo do 25-N, Día Internacional da Eliminación da Violencia de Xénero.

A entrada é gratuíta ata completar aforo e a función terá unha duración aproximada de 50 minutos.

O espectáculo, a cargo do trío Música Miúda —composto por Irene Quinteiro, Miguel Alonso e Óscar Martínez— combina contos e cancións de creación propia que poñen especial atención na diversidade, a integración e a promoción da lingua galega, sempre desde unha perspectiva de xénero.

Durante a actuación, traballaranse os estereotipos de xénero a partir da adaptación de contos tradicionais, creando novas historias con finais alternativos e modelos que rompen con roles e clichés convencionais. Personaxes como o Pirata Efrén, que non teme a chorar, ou a avoa Lola, que axuda a Antía Carapuchiña, forman parte destes relatos.

O público infantil terá un papel activo, participando nas narracións e nas cancións, nun formato interactivo cheo de música e diversión. Toda a música do concerto é en directo e está baseada no libro-disco “Cambia o conto” (Galaxia, 2022).

⚙ Configurar cookies
0.070214986801147