Monforte acolle esta fin de semana a segunda proba do Campionato Galego de Voleibol Benxamín e Prebenxamín

RibeiraSacraXa
O campionato prevé reunir no polideportivo da Pinguela a máis de 150 nenos e nenas e 30 equipos de categorías inferiores durante a xornada do sábado, 15 de marzo
Presentación 2ª proba Campionato Galego Voleibol Benxamín e Prebenx.
Presentación da 2ª proba do Campionato Galego Voleibol Benxamín e Prebenxamín
13 Mar 2025

A Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer este mércores os pormenores da segunda proba do Campionato Galego de Voleibol Benxamín e Prebenxamín que se disputará no Pavillón  polideportivo municipal de A Pinguela este sábado 15 de marzo.

Na presentación, estivo acompañada polo Director Deportivo da Federación Galega de Voleibol, Juan Carlos Suárez, o presidente do Club Korbis, Roberto Castro, o adestrador da sección masculina do Korbis, Miguel Ángel de la Gama, e o Concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán.

A Tenente de Alcalde destacou que “para o Concello de Monforte sempre é un pracer albergar eventos deportivos de categorías de base, pois como ben expresa o cartel que temos aquí deste Campionato, eles son as futuras estrelas, neste caso do volei galego, e por iso debemos apoialas”.

Neste senso, o deporte base é unha prioridade para o Equipo de Goberno monfortino, xa que o Pavillón da Pinguela ten acollido infinidade de campionatos e competicións relacionadas co deporte base: baloncesto, ximnasia rítmica, taekwondo, voleibol... E os campos de fútbol, ou a piscina municipal, que agora está en obras para converterse nunha piscina nova, tamén teñen acollido e acollen competicións relacionadas co deporte base.

Ademais, Prada destacou que “o Executivo de José Tomé, temos un  compromiso claro co deporte, de feito, este ano destinamos máis de 150.000 euros en axudas ós clubes e entidades deportivas, así como incrementamos as colaboracións en múltiples eventos deportivos de moi variadas disciplinas. A nosa vontade é seguir nesta liña de traballo, porque o deporte leva inherentes os valores compañeirismo, ocupación de tempo de lecer, é exercicio saudable e mesmo axuda á conciliación laboral e familiar. Por iso, o deporte é un dos eixos fundamentais da nosa acción de goberno”.

Pola súa banda, o director deportivo da Federación Galega de Voleibol resaltou o éxito en canto a participantes: prevese a presencia na cidade de máis de 150 nenos e nenas, e 30 equipos de categorías inferiores, que virán acompañados de adestradores, persoal técnico, árbitros, familiares e amigos, coa repercusión socioeconómica que isto supón.

Virán xogadores e xogadoras procedentes de todos os puntos de Galicia, de concellos coma Rianxo, Lugo, Pontevedra, Ourense, de A Coruña ou Narón, entre moitos outros. Da provincia de Lugo ademais do Korbis participarán o EMEVÉ e o C.V. Ribeira Sacra.

O presidente do Korbis explicou que para o desenvolvemento deste campionato, instalaranse no Pavillón da Pinguela 6 pistas simultáneas. Os deportistas do Club Korbis colaborarán en labores de voluntariado e axudando á arbitraxe dos diferentes encontros.

A competición dará comezo o sábado 15 ás 10.00 hooras nas 6 pistas, con partidos simultáneos, e prevese a finalización entorno ás 17.00 horas, dependendo do que duren os partidos.

⚙ Configurar cookies
0.45518398284912