Monforte acolle a XXV edición de Artelemos cunha mostra de artesanía que reunirá 35 profesionais

RibeiraSacraXa
O evento, consolidado como escaparate dos oficios tradicionais e contemporáneos, celébrase na rúa Cardenal e inclúe obradoiros, demostracións en vivo e actividades infantís
presentacion-Artelemos-2025
23 Jul 2025

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, presentou este martes o cartel e o programa da XXV Mostra de Artesanía Artelemos 2025, que se celebrará do 1 ao 6 de agosto na céntrica rúa Cardenal da cidade, como antesala das Festas Patronais e dentro do programa cultural de verán promovido polo Concello.

O rexedor destacou que esta mostra foi recuperada polo actual equipo de goberno no Nadal de 2015, tras anos de ausencia desde a desaparición da Fundación Comarcal Terra de Lemos, que a organizara entre 1996 e 2011. Desde entón, Artelemos vén celebrándose cada ano con crecente participación, e nesta edición contará con 35 profesionais da artesanía, cinco máis que en 2024, procedentes tanto da comarca de Lemos como doutros puntos de Galicia e España.

Participarán 31 artesáns galegos, entre eles 13 da provincia de Lugo, dos cales 10 pertencen á comarca de Lemos, o que, segundo o alcalde, evidencia a riqueza artesanal da Ribeira Sacra. O resto proceden de Antas de Ulla (1) e Lugo cidade (2), así como das provincias da Coruña (4), Pontevedra (9) e Ourense (6). A mostra contará tamén con catro artesáns doutras comunidades, tres deles de León e un de Toledo.

Os postos de exposición e venda estarán instalados na rúa Cardenal, cunha carpa municipal adicional destinada á realización de obradoiros e demostracións de oficios tradicionais. Todos os stands contarán con tarima, iluminación e sinalización promocional individual. Para garantir a seguridade das pezas expostas, o recinto disporá de vixilancia durante os períodos de peche ao mediodía e pola noite.

A mostra estará aberta ao público en horario de 10:00 a 14:00 pola mañá e de 17:00 a 22:00 pola tarde, adiantándose unha hora respecto ao horario habitual por petición dos propios expositores. A inauguración oficial terá lugar o venres 1 de agosto ás 19:00 horas, cunha actuación do Grupo Municipal de Gaitas do Concello de Monforte.

A programación incluirá tamén obradoiros infantís e demostracións en vivo de elaboración de pezas, converténdose nun espazo de promoción dos oficios artesanais, tanto tradicionais como contemporáneos, con disciplinas como ourivaría, cestería, coiro, vidro, cerámica, madeira, papel ou a tradicional olería de Gundivós.

O alcalde animou á veciñanza e aos visitantes a achegarse a esta nova edición de Artelemos e a apostar polos produtos feitos a man, sinalando que “apostar polo artesanal significa apostar polos nosos artesáns, polo produto local de calidade, polo noso medio rural, polas nosas tradicións, en definitiva, pola nosa arte e cultura”.

CONSULTA A PROGRAMACIÓN COMPLETA

⚙ Configurar cookies
0.17787289619446