Monforte acolle a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía'
A tenente de alcalde de Monforte, Gloria Prada, en representación do alcalde, José Tomé Roca, acompañada pola deputada de Cultura da Deputación de Lugo, Iria Castro, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, e os concelleiros do BNG, Emilio Sánchez e Manuel Luaces, inaugurou a exposición 'A Casa de Galicia. 50 anos da casa de Rosalía', sobre a restauración e musealización da Casa da Matanza de Padrón, onde Rosalía de Castro pasou os últimos anos da súa vida.
Esta é unha mostra itinerante organizada pola área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo, ao longo de toda a provincia, e conta coa colaboración do Concello de Monforte.
A praza Campo de San Antonio de Monforte acolle ata o vindeiro 14 de outubro a mostra, con reproducións de documentos, fotografías e textos que repasan a historia da casa e do esforzo colectivo de institucións culturais, intelectuais e persoas anónimas, que impulsou a súa apertura como museo en xullo de 1971, con achegas de miles de galegas e galegos, no país e no exilio.
Dende o Concello decidiuse localizar a exposición nesta praza debido a que é unha zona de moito tránsito e de fácil acceso. Neste senso, o alcalde anima a todos os monfortinos a visitala, e tamén a todos os centros educativos da cidade, dada a importancia capital que ten a figura de Rosalía de Castro na historia e na cultura de Galicia.
Iria Castro agradeceu o interese do goberno municipal por esta exposición “que contribúe a ampliar o coñecemento sobre Rosalía de Castro e sobre o proceso de creación da Casa da Matanza” e explicou que “a itinerancia da mostra procura a presenza na rúa e nos espazos comúns dunha autora que é referente cultural, pero tamén feminista e de compromiso social, como facemos con outras iniciativas como a realización de murais homenaxe en centros educativos”.
A mostra, producida pola Fundación Rosalía e comisariada por Pepe Barro, autor da última renovación museolóxica da Casa-Museo de Rosalía de Castro, está formada por paneis inseridos nunha estrutura que evoca distintas estancias dunha casa.