Monforte abre un novo procedemento para contratar o equipamento do ximnasio da Pinguela

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este martes a apertura dun novo proceso para a adquisición de material e equipamento deportivo para o ximnasio situado nas renovadas instalacións da piscina municipal da Pinguela.
Esta decisión, explican desde o Concello, chega tras a declaración de deserto do contrato anterior de subministro, que non contou con ofertas válidas. De feito, o Tribunal Administrativo de Recursos Contractuais de Lugo (TARCLU) desestimou recentemente os recursos presentados por dúas empresas contra o acordo da Xunta de Goberno municipal que declarou deserto dito contrato.
Na súa resolución, o TARCLU confirmou que a decisión do Concello se fixo “axustada a Dereito” e rexeitou as alegacións de ambas licitadoras. Nun dos casos, explican os responsables municipais, indicouse que a empresa non presentou a documentación requerida para a valoración técnica, mentres que no outro, a información achegada non cumpría cos requisitos establecidos no prego de prescricións técnicas.
Con esta resolución, o Concello ten vía libre para abrir un novo expediente negociado sen publicidade, cun orzamento de 135.213,76 euros, que é a mesma contía contemplada na licitación anterior.
O alcalde destacou que esta vía permitirá axilizar a contratación e dotar ao ximnasio da Pinguela co material necesario para mellorar os servizos deportivos da cidade.