Monforte abre o seu Mercado de Nadal o venres 22

RibeiraSacraXa
A tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, presentou o programa de actividades do Mercado de Nadal 2023, que abrirá as portas na Praza de Abastos, o vindeiro venres 22 de decembro.
16 Dec 2023

A tenente de alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, presentou o programa de actividades do Mercado de Nadal 2023, que abrirá as portas na Praza de Abastos, o vindeiro venres 22 de decembro. Trátase dunha proposta de animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía, coa celebración dun mercado de produtos de Nadal.

Gloria Prada, destaca que “fomentar as compras desta época nas tendas e Monforte, no noso comercio local, para o que fusionaremos animación e ocio co comercio, nas instalacións dos mercados, como xa vimos facendo nas últimas edicións, unha oferta atractiva de ocio e animación para todos os públicos, ó mesmo tempo que se fan os mercados de tempada”.

Prada subliñou que “continuando cunha novidade incorporada o pasado ano polo Concello e que funcionou moi ben, cada un dos sábados 23 e 30, como colofón ó Mercado de Inverno, celebraremos dous concertos a cargo de grupos musicais monfortinos na rúa Cardenal que animarán as rúas comerciais e á hostalería dende as 8 da tarde. Serán os grupos Doc Magoo’s e Malenne”.

Deste xeito, O Mercado de Nadal de Monforte, celebrarase durante dous venres e dous sábados consecutivos deste mes de decembro, concretamente os días, 22, 23, 29 e 30. Para elo o Concello decorará e ambientará as instalacións da Praza de Abastos, lugar en que se ubicará este Mercado de Nadal, converténdoa nun escenario cheo de luces e decorados propios destas datas, para o gozo dos visitantes ó Mercado.

Os horarios de apertura do Mercado de Nadal serán de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abano de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Calcúlase a participación de entre 10 e 12 postos por día.

Obradoiros, música e contacontos

Ademais, todos os días do Mercado de Nadal haberá, tanto pola mañá como pola tarde, diversas actividades coma obradoiro de cociña, contacontos, obradoiros de artesanía e de personalización e pintura de bolas de Nadal ou un espectáculo de maxia. O alcalde, José Tomé Roca, anima “a todos os monfortinos e ás persoas que nos visiten estes días, que acudan ó noso Mercado de Nadal, que aposten por mercar no comercio local e gocen da nosa hostalería, e participen neste completo programa de actividades que desenvolveremos na Praza de Abastos e na rúa do Cardenal”.

O sábado 23 e o sábado 30, e como complemento e colofón a este Mercado de Nadal, terá lugar a actuación dous grupos musicais nun escenario ubicado na rúa Cardenal, que animarán ás rúas comerciais e os negocios de hostalería. O sábado 23, a partir das 20.00 horas, fará a súa actuación o grupo monfortino Doc Magoo’s e o sábado 30 será a quenda de Malenne.

0.23947215080261