Monforte abre o prazo para solicitar axudas ao gasto enerxético nos fogares vulnerables

RibeiraSacraXa
Con estas medidas, dende o Goberno municipal búscase garantir que ningún fogar en situación vulnerable teña que afrontar a tempada invernal sen poder cubrir as súas necesidades enerxéticas básicas
jose-tome-balance-2025
23 Feb 2026

O Concello de Monforte de Lemos abriu este luns o prazo para solicitar as axudas destinadas a sufragar os gastos de enerxía nos fogares máis vulnerables do municipio. A convocatoria, publicada en extracto este sábado no Boletín Oficial da Provincia, conta cunha partida de 25.000 euros e forma parte do Programa de Mellora da Eficiencia Enerxéticaimpulsado polo Concello.

O obxectivo destas axudas, explica o alcalde, José Tomé Roca, “é apoiar ás familias de Monforte máis vulnerables e que presentan dificultades económicas para afrontar os gastos enerxéticos, especialmente nun tempo no que o importe da factura enerxética, tanto de electricidade como de gas, se incrementou considerablemente”.

“A enerxía é unha necesidade básica e por iso queremos contribuír desde o Equipo de Goberno a minimizar as dificultades económicas das familias veciñas que máis o necesitan”, subliña Tomé, que asegura que con estas medidas se pretende garantir que ningún fogar en situación vulnerable teña que afrontar a tempada invernal sen poder cubrir as súas necesidades enerxéticas básicas.

As axudas están dirixidas a cubrir situacións transitorias de necesidade social relacionadas co pago de subministracións básicas de electricidade, gas, gasoil, calefacción e outras fontes de enerxía, así como coa instalación ou reparación de caldeiras, quentadores e outros equipos esenciais para o fogar.

A contía de cada axuda axustarase á valoración realizada polos servizos sociais, cun máximo de 250 euros anuais para electricidade e gas natural, 500 euros para gasoil, 150 euros para gas butano e 300 euros para outras fontes de enerxía. Do mesmo xeito, poderanse financiar os gastos de instalación ou reparación de equipos básicos como caldeiras, quentadores ou estufas segundo as necesidades de cada fogar. No caso dos subministracións de gas natural e gasoil para calefacción, priorizaranse as solicitudes presentadas durante os meses de inverno e atenderanse tamén os gastos necesarios para restablecer os subministracións en caso de corte.

Poderán acceder a estas axudas as persoas ou unidades de convivencia empadroadas en Monforte de Lemos que se atopen en situación de vulnerabilidade ou risco de exclusión social, tal como valoren os servizos sociais. Considerarase situación de risco de exclusión social aquela provocada pola falta ou insuficiencia de recursos económicos para cubrir as necesidades básicas do fogar, tendo en conta tamén outros factores que poidan dificultar gravemente a inclusión social.

Para solicitar a axuda, os interesados deberán cubrir o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica do Concello, podendo presentalo preferentemente por vía electrónica. De maneira opcional, tamén se poderá entregar en papel no Rexistro Xeral do Concello ou nos Centros de Servizos Sociais comunitarios, así como por calquera outro medio previsto na normativa de procedemento administrativo. O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata o 18 de decembro de 2026.

0.081623077392578