Monforte abre o prazo para solicitar as axudas ao transporte para o alumnado universitario e de ciclos de FP

RibeiraSacraXa
Estas subvencións teñen como obxectivo sufragar os gastos de transporte do alumnado empadroado no municipio que estuda fóra de Monforte
Goberno-local-Concello-de-Monforte
15 Oct 2025

O Concello de Monforte de Lemos abre este mércores, 15 de outubro, o prazo para solicitar as axudas ao transporte dirixidas ao alumnado universitario e de ciclos de Formación Profesional correspondentes ao curso 2025-2026. O período de presentación de solicitudes finalizará o vindeiro 7 de novembro, tras a publicación onte, martes 14 de outubro, do extracto das bases reguladoras no Boletín Oficial da Provincia (BOP).

Estas axudas están destinadas a cubrir os gastos de transporte do alumnado empadroado no municipio que cursa estudos fóra de Monforte, xa sexa no ámbito universitario ou noutros tipos de disciplinas que non se ofertan na cidade, ou nos casos nos que non se obtivese praza na oferta educativa local.

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, destacou que “con esta liña de axudas, desde o Equipo de Goberno contribuímos a facilitar os desprazamentos daqueles estudantes monfortinos que cursan estudos fóra do noso concello, ben sexa no ámbito universitario ou noutro tipo de disciplinas que non se ofertan na nosa cidade”.

As axudas cubrirán os gastos de transporte correspondentes ao período comprendido entre setembro de 2025 e xullo de 2026.

Poderán optar a estas axudas os estudantes universitarios empadroados en Monforte que cursen titulacións oficiais de Grao ou estudos conducentes a títulos de Licenciado ou Diplomado, así como o alumnado de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e de Bacharelato que teña que desprazarse fóra do municipio por falta de oferta formativa local.

Cada solicitante poderá recibir unha axuda económica que oscilará entre os 200 e os 600 euros, en función da renda per cápita familiar. Quedarán excluídas aquelas solicitudes nas que os ingresos familiares superen os 12.000 euros anuais por membro computable.

⚙ Configurar cookies
0.070415019989014