Monforte abre este martes o prazo para participar nos concursos do Entroido 2026

O Concello de Monforte de Lemos abriu o prazo de inscrición para os concursos do Entroido 2026, que repartirán un total de 25.000 euros en premios. A Xunta de Goberno Local aprobou este luns, 19 de xaneiro, as bases dos certames de Compadres, Comadres e do Desfile de comparsas e disfraces, o que permite que as inscricións poidan formalizarse desde este martes, día 20, a través da web municipal.
O alcalde, José Tomé Roca, anima á participación tanto da veciñanza de Monforte como de persoas procedentes doutros concellos e destaca que no Martes de Entroido se reserva unha partida específica de 3.150 euros para comparsas e disfraces de fóra do municipio, co obxectivo de reforzar o carácter aberto e participativo da celebración.
O calendario do Entroido arrancará o xoves 5 de febreiro co concurso de Compadres, ao que seguirá o Xoves de Comadres o día 12. O martes 17 de febreiro celebrarase o tradicional desfile de comparsas e disfraces, mentres que o programa festivo se pechará o mércores 18 co Enterro da Sardiña.
Nos concursos de Compadres e Comadres establécense tres modalidades: centros educativos, parroquias, barrios e rúas do municipio, e participación individual, con premios que poden acadar os 2.000 euros en cada certame. O xurado valorará aspectos como a elaboración, a orixinalidade, a crítica social e o interese etnográfico das figuras presentadas.
O Desfile do Martes de Entroido concentrará a maior dotación económica, cun máximo de 21.000 euros en premios. Deste importe, 17.850 euros destinaranse a comparsas e disfraces de Monforte e 3.150 euros aos procedentes doutros concellos. O percorrido partirá da Praza da Estación ás 17.00 horas e atravesará varias rúas do centro urbano, onde o xurado avaliará os participantes atendendo a criterios como a posta en escena, o humor, a música en vivo e a calidade do conxunto.