Monforte abre o prazo para a presentación de ofertas para explotar o Centro do Viño

RibeiraSacraXa
O Concello centrará nunha única xestión integral esa explotación maila da Oficina de Turismo e a futura Oficina de Atención ao Peregrino
monforte patio centro do viño
8 Mar 2021

O Concello centrará nunha xestión integral a explotación dos servizos que se prestan no Espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, na Oficina de Turismo e na futura Oficina de atención ao peregrino, así como as visitas á Torre da Homenaxe

O Concello de Monforte vén de anunciar a apertura do prazo de presentación de ofertas para o Concurso de explotación, a través dunha xestión integral, do Espazo expositivo do Centro do Viño da Ribeira Sacra, da Oficina de Turismo, da Oficina de Atención ao Peregrino e da Torre da Homenaxe.

O alcalde de Monforte, José Tomé, considera que esta é "unha das concesións máis importantes" que o Concello vai levar a cabo nos próximos meses, "xa que a través dunha xestión integral única, imos centrar a proxección turística de Monforte como cidade museística e de interese cultural, como capital da Ribeira Sacra e como cidade pola que transcorre o Camiño de Inverno. Por este motivo, dende o equipo de goberno adicamos un tempo importante a analizar en profundidade esta concesión e buscar as mellores opcións para demandar, a través do prego técnico que hoxe damos a coñecer, uns servizos acordes coa importancia turística que ten a nosa cidade e o noso entorno".

O prezo global da licitación estableceuse en 245.071,17 euros e a concesión terá unha duración de dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais de un ano cada unha.

As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas desde mañá, martes 9 de marzo, e ata o venres día 26.

PERSOAL ESPECIALIZADO E AMPLIACIÓN DE HORARIOS

A xestión integral destes "servizos turísticos esenciais" para Monforte estará "en todo momento" supervisada polo Concello de Monforte, debendo a empresa adxudicataria consensuar co Concello a toma de decisións, a posta en marcha de todo tipo de accións e de actividades promocionais, o tipo de información que se debe facilitar ós visitantes, etc.

Da mesma forma, o Concello resalta que a empresa adxudicataria deberá contar con persoal especializado e con formación contrastada en todas estas instalacións e servizos turísticos municipais, co fin de proporcionar a información e o trato máis axeitado aos turistas ou peregrinos que acudan ás mesmas. “A labor das persoas que atendan estas instalacións debe estar encamiñada, ademais de a solventar as necesidades que prantexe o visitante, tamén a poñer en valor a importancia turística e histórica que ten a nosa cidade e o seu entorno, a Ribeira Sacra e o Camiño de Inverno", subliñou José Tomé.

Neste senso, o requisito de contar con persoal especializado incluirá a icónica Torre da Homenaxe, un dos principais símbolos da cidade. Así, o Concello requirirá tamén que este espazo estea atendido por persoal cualificado que transmita ó visitante a relevancia e o valor que a Torre da Homenaxe ten dentro da historia da cidade.

O Concello aposta tamén por ampliar os horarios de atención ao público, o que suporá que tanto a Oficina de Turismo, como o Espazo expositivo do Centro do Viño e a súa tenda, e tamén a Oficina do Peregrino, estarán abertos todos os días da semana durante todo o ano. A Torre da Homenaxe contará cuns horarios específicos propios.

Nos diferentes espazos descritos englobados dentro desta xestión única integral, permitiranse outras actividades de dinamización, previa solicitude e planificación co Concello de Monforte, que terá que autorizalas.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18161702156067