Mobilízanse preto de 2,2 millóns de euros en axudas a entidades deportivas e fomento da natalidade na provincia de Ourense

RibeiraSacraXa
A Deputación vén de aprobar tamén axudas por valor de máis de 960.000 euros para a cooperación cos municipios
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, xaneiro de 2025
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
10 Mar 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense vén de aprobar, na sesión celebrada esta mañá, un total de 2.171.348,72 euros para diversas bases de convocatorias de concursos públicos (980.000 euros), para a cooperación cos municipios (962.071,94 euros) e para axudar a diferentes entidades (229.823,09 euros).

Así, no que atinxe ás bases para convocatorias de concursos públicos, aprobáronse as correspondentes á concesión de subvencións para o fomento da natalidade da provincia de Ourense, a través do Programa ChegOU 2025, dotado con 400.000 euros. Tamén foron aprobadas as correspondentes á convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións a clubs deportivos para o ano 2025, dotadas cunha partida orzamentaria de 550.000 euros. Ademáis, aprobáronse tamén as bases reguladoras da convocatoria da XXXIV edición do Premio de Xornalismo Xosé Aurelio Carracedo. Por último, a Xunta de Goberno aprobou a resolución do concurso público para a concesión de subvencións a asociacións de protección animal dos centros de acollida da rede provincial para os exercicios 2024-25, dotadas con 25.000 euros.

No que respecta á cooperación cos municipios da provincial, na sesión desta semana da Xunta de Goberno mobilizáronse un total de 962.071,94 euros, destinados a diversas obras, melloras, servizos e iniciativas dos concellos. En materia de colaboración con diferentes entidades, a Deputación destina na sesión de hoxe un total de 229.823,09 euros para actividades da Agrupación de Asociacións de Veciños Miño (10.000 euros); para gastos de funcionamento da Cidade das Burgas Fútbol Sala (12.500 euros); para gastos de funcionamento da Asociación Provincial de Talleres de Reparación de Vehículos ATAVE (50.000 euros): para as actividades da Asociación Jóvenes Empresarios AJE (40.000 euros); para o mantemento do campo de fútbol de Albarellos do Monterrei CF (9.530 euros) e para adquisición de alumeado (8.470 euros); para os Campionatos de España Wakeboard de Barra de Miño, Clinic Internacional Optimits e a Regata Internacional Optimist, ambos en Castrelo de Miño (10.000 euros); para obras de mellora de eficiencia enerxética na Asociación Cultural e de Veciños Santa Olaia de Beiro (10.623,80 euros).

A congregación Hermanitas de los Ancianos Desamparados recibe unha axuda de 30.000 euros para un aparato elevador na Residencia Santa María; para a adquisición de terreo para a construcción do Mirador Bocarribeira, a Fundación Otero Pedrayo obtén 8.000 euros, mentras que a Asociación Semente percibe 3.000 euros para o seu concurso de proxectos empresariais. A Asociación Cultural Banda de Música de Santágueda percibe 8.000 euros, mesma cantidade que a destinada a Estrela Cortegada Futsal Feminino. Por último, o Club Roller Ourense obtén 7.179,29 euros e a Casa Museo Rosalía de Castro, 14.520 euros.

⚙ Configurar cookies
0.70873308181763