Mercedes Mondelo presentou a súa exposición 'Contrastes', que estará en Quiroga ata o 4 de abril
A sala de exposicións Manuel María da Casa da Cultura de Quiroga acolle a exposición Contrastes de Mercedes Mondelo, veciña de Montefurado.
A exposición, que estará aberta ata o 4 de abril, engloba diversos cadros pintados ao óleo e mediante diferentes técnicas e empregando diferentes soportes.
A artista, Mercedes Mondelo, desenvolveu a súa vida profesional entre Galicia e Canarias como profesora de Matemáticas e a súa temáticade pintura vai dende o realismo ata o abstracto.
No realismo, no que se poden observar as casas de Montefurado, a artista afirma, que cada parede, porta ou ventá é unha homenaxe aos seus antepasados, mentres que no abstracto deixa voar a imaxinación permitindo que as cores se apropien do lenzo.
Mercedes Mondelo que forma parte dende hai case vinte anos dun grupo de pintura en Tenerife (Club de Mar Radazul) conta que a súa afección pola pintura chegoulle de nena, observando ao seu veciño, o pintor Sr. Andrés.
Inauguración
A inauguración da exposición, na que non faltou a música tradicional coa Escola de Gaitas San Martiño, acolleu a presenza do alcalde de Quiroga, José Luís Rivera, que foi o encargado de dar a benvida e presentar a pintora.
Tamén o profesor e veciño de Montefurado, Pepe Pol, quixo facer partícipes aos presentes dunhas verbas que escribiu para Mercedes Mondelo.
Pola súa banda unha moi emocionada pintora só tivo palabras de agradecemento para os presentes e sobre todo para a súa familia, que rematou fundíndose nun sentido abrazo co seu tío.